AD

Comarca

Os socialistas de Ordes levan ao pleno unha moción para mellorar os comedores escolares

today28 abril, 2026

Fondo
share close
AD

O Grupo Municipal Socialista de Ordes presentará no pleno ordinario de abril unha moción centrada na mellora dos servizos de comedor escolar nos centros educativos do municipio, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades e facilitar a conciliación das familias.

Os socialistas destacan que o comedor escolar é un recurso fundamental, non só pola súa función asistencial, senón tamén polo seu valor educativo e social, ao asegurar unha alimentación equilibrada, promover hábitos saudables e contribuír á conciliación da vida familiar e laboral.

Na moción, o grupo pon o foco en dúas problemáticas concretas. Por unha banda, a situación do CEIP Mesón do Vento, onde o servizo de comedor resulta insuficiente pola falta de persoal de cociña. Actualmente conta cun cociñeiro e unha axudante, unha dotación que non se corresponde co establecido pola normativa autonómica para este tipo de comedores, o que está a provocar sobrecarga de traballo e dificultades no funcionamento diario.

Por outra banda, denuncian a ausencia de comedor escolar no CEIP Campomaior, unha carencia que sitúa ás familias deste centro nunha situación de desigualdade respecto doutros centros do municipio e limita as súas posibilidades de conciliación.

Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista propón instar á Xunta de Galicia a construír un comedor escolar no CEIP Campomaior, dotándoo dos medios necesarios para ofrecer un servizo de calidade. Ademais, solicita reforzar o persoal de cociña no CEIP Mesón do Vento coa incorporación dun/dunha auxiliar adicional, co fin de garantir o correcto funcionamento do servizo .

Desde o PSOE de Ordes subliñan que esta moción busca dar resposta a necesidades reais das familias do municipio e avanzar cara a un sistema educativo máis xusto e equitativo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *