Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 junio, 2026
O debate sobre a situación do Refuxio de Bando chegou esta semana aos micrófonos de Radio Líder Santiago nunha tertulia na que participaron representantes das catro forzas políticas con presenza no Concello compostelán. Entre eles estivo Xesús Domínguez, concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Dereitos dos Animais, Servizos Básicos Comunitarios, Parques e Xardíns e Vías e Obras, ademais de vicepresidente do padroado da fundación que xestiona o refuxio e responsable da dirección provisional do centro. Tras escoitar as diferentes posicións expostas durante ese debate, a asociación Voluntariado Activo de Bando (VOLABAN) solicitou intervir na emisora para trasladar a visión do voluntariado sobre a situación actual das instalacións e o futuro do refuxio.
A súa portavoz, Pacucha Maceiras, centrou boa parte da entrevista na necesidade de aclarar o destino dos investimentos previstos para o refuxio e na demanda de actuacións que permitan mellorar o estado das instalacións. Segundo explicou, o colectivo segue sen ter claro que ocorreu coa partida de 50.000 euros consignada para actuacións en Bando e reclama explicacións sobre a súa execución. “Queríamos saber que pasa, porque se se executaron non sabemos en que se fixeron. E se se van incrementar este ano, entón que se explique”, afirmou.
Maceiras cuestionou tamén o alcance dalgunhas das actuacións realizadas recentemente e asegurou que, desde o punto de vista do voluntariado, a situación das instalacións apenas experimentou cambios significativos. “Como está? Igual que antes, ou incluso peor, porque se rompe algo, alí non se arranxa”, sostivo.
Maceiras defendeu que o Concello de Santiago, como titular das instalacións, debe acometer as actuacións necesarias para mellorar o estado do refuxio. A portavoz preguntouse ademais por que non se destina parte dos recursos económicos ingresados recentemente polo Concello á mellora do centro. “Agora, insisto, xa que ingresaron eses cinco millóns pola venda de parcelas, por que non destinan unha cantidade a Bando? Iso é o que preguntamos”, afirmou.
A representante do colectivo lembrou que moitos dos animais permanecen durante meses e mesmo anos no refuxio antes de atopar unha familia, polo que considera imprescindible ofrecerlles unhas condicións adecuadas mentres permanecen nas instalacións. “Xa que teñen que estar alí, que teñan unha vida digna”, reivindicou.
Outro dos asuntos nos que incidiu foi na necesidade de que os responsables municipais coñezan de primeira man a realidade que se vive dentro do centro. Segundo explicou, o voluntariado leva tempo solicitando que a alcaldesa e outros representantes do Concello visiten o refuxio e accedan aos canís e ás gateras para comprobar o estado real das instalacións. “Pedimos que entren nos canís e nas gateras para ver como están, onde viven, onde dormen e onde comen eses animais”, sinalou.
A portavoz de VOLABAN asegurou ademais que descoñece que a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, visitase o interior das instalacións durante o actual mandato. “A alcaldesa nunca foi arriba, parece ser. E se foi, foi por fóra. Non vale chegar alí e ver por fóra como están os canís”, afirmou.
Maceiras asegurou que existen problemas que non son visibles desde o exterior, como portas deterioradas, bebedeiros que perden auga ou espazos nos que os animais sofren as consecuencias da humidade e das baixas temperaturas durante o inverno. Segundo explicou, segue habendo canís nos que conviven catro, cinco e mesmo seis cans, mentres que algunhas gateras continúan sen acceso ao exterior.
Durante a conversación, Pacucha Maceiras explicou que actualmente o refuxio alberga arredor de douscentos cincuenta cans e máis dun cento de gatos, aínda que precisou que non dispón das cifras exactas. A portavoz chamou a atención sobre a situación dalgunhas gateras sen acceso ao exterior e nas que, segundo afirmou, algúns animais poden pasar meses ou mesmo anos. “Hai gatos que botan aí meses e incluso anos que non saen nunca desa gatera”, denunciou.
Tamén mostrou a súa preocupación polos cans que permanecen nos denominados canís de seguridade. Aínda que recoñeceu a necesidade de protexer ao persoal do centro, considera que estes animais deben recibir atención específica e programas de traballo que favorezan a súa recuperación. A portavoz asegurou que algúns destes cans permanecen durante meses nos canís de seguridade sen saír deles, unha situación que considera incompatible co benestar animal.
Outro dos puntos abordados durante a entrevista foi a petición da asociación para incorporarse ao padroado da fundación que xestiona o refuxio. Maceiras explicou que VOLABAN naceu, en parte, coa intención de poder participar nos órganos de decisión do centro e contribuír coa experiencia acumulada polo voluntariado. “Queríamos entrar no padroado porque pensamos que temos moito que aportar”, afirmou.
Segundo relatou, a entidade leva máis dun ano constituída formalmente e xa solicitou en varias ocasións a súa incorporación, sen que ata o momento recibise unha resposta favorable. A portavoz lembrou ademais que actualmente existe unha vacante no padroado tras a saída doutra asociación, pero a petición continúa sen ser atendida.
Na recta final da entrevista, Pacucha Maceiras agradeceu a oportunidade de trasladar a posición do voluntariado e lamentou a falta de resposta ás comunicacións que, segundo explicou, veñen remitindo ao padroado. “Mandamos moitas veces correos con temas, con queixas, con problemas ou incluso con solucións e xamais nos contestaron”, asegurou.
A portavoz concluíu reivindicando o labor que desenvolven as persoas voluntarias coidando dos animais do refuxio e lamentando a situación que, ao seu xuízo, vive o colectivo. “O voluntariado non nos queren, esa é a cuestión”, afirmou emocionada ao remate da entrevista.
Maceiras defendeu a necesidade de seguir mellorando as instalacións do refuxio e insistiu en que o colectivo leva tempo trasladando aos responsables do centro tanto problemas como posibles solucións para mellorar a situación dos animais.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)