Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 abril, 2024
O alcalde solicitou a inclusión nos Orzamentos do Estado do proxecto de construción dunha rotonda na N-525, que facilitará o acceso ás aldeas de Milleirós e Vilar e suporá unha mellora para o tráfico que se dirixe ou procede de Vedra e Pazos
Boqueixón, 29 de abril de 2024.- O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, aproveitou a visita do delegado del Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e da subdelegada na provincia da Coruña, María Rivas, ao municipio para lembrarlle a urxencia de mellorar a seguridade viaria da N-525 ao seu paso por Lestedo. “Urxe mellorar a conexión da N-525 coa estrada provincial de Vedra (C-1202) e a estrada municipal que discorre cara o campo de fútbol e o Pico Sacro mediante unha rotonda que mellore a seguridade viaria nesta zona de Lestedo”, explicoulle sobre o terreo Ovidio Rodeiro a Pedro Blanco.
Alcalde e delegado do Goberno comprobaron os problemas derivados da nova sinalización horizontal levada a cabo polo Ministerio de Fomento na intersección da N-525 coa C-1202 e a estrada municipal cara o Pico Sacro, prohibindo tanto o xiro á esquerda en dirección Santiago-Ourense como atravesar a N-525 desde a C-1202 cara o Pico Sacro e viceversa. Unha nova sinalización que prexudicou especialmente aos veciños das aldeas de Milleirós e Vilar, que viron dificultado o acceso ás súas vivendas, e supuxo tamén incomodidades tanto para os milleiros de visitantes do Pico Sacro como para os condutores que cada día atravesan Lestedo desde ou para Vedra e Pazos.
Para solucionar o problema, o Concello de Boqueixón solicitou en novembro de 2021 a construción dunha glorieta na N-525, proposta da que xa está redactado un proxecto orzamentado nuns 250.000 euros, que ademais permitiría reducir a velocidade dos vehículos que entran en Lestedo, polo que non sería preciso instalar o semáforo solicitado por el Concello. “Sabemos que o Ministerio de Fomento ten redactado xa o proxecto de rotonda, pero que está pendente de financiamento a través da súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado”, apunta Ovidio Rodeiro.
Estas actuacións únense á demanda veciñal para que se mellore o tráfico e a circulación de vehículos en Lestedo, a través da redución da velocidade no inicio da avenida, o que repercutiría directamente na seguridade dos veciños e veciñas. Unha situación da que tamén se deu traslado ao anterior delegado do Goberno, José Miñones, durante a visita realizada en outubro de 2022.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)