Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 abril, 2025
Padrón.24-4-2025.- O programa da USC Camiños de coñecemento e experiencia regresa en xuño ao Concello de Padrón para ofrecerlles formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos. Esta iniciativa inclúe tres seminarios temáticos de dúas sesións cada un, que se desenvolverán entre o 2 e o 10 de xuño, de catro e media a seis da tarde. A matrícula é gratuíta e pode realizarse no Centro Social de Padrón, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
A edición deste ano arrinca os días 2 e 3 de xuño cun seminario sobre Participación social e comunitaria, para que?, impartido por Iván García, profesor colaborador do Programa Universitario de Maiores da USC, quen abordará o papel da cidadanía maior na construción de comunidades activas e cohesionadas.
Nos días 4 e 5, o foco estará no patrimonio fluvial co seminario Muíños e pontes no río Ulla, a cargo de Henrique Neira Pereira. A proposta convida a unha reflexión sobre a historia e importancia destas infraestruturas tradicionais na vida e na economía da contorna.
A terceira proposta formativa terá lugar os días 9 e 10 de xuño. Baixo o título Historia da fotografía: unha viaxe desde a cámara escura ata a era dixital, a investigadora Katia Cino Rouco explorará a evolución da fotografía desde os seus inicios ata a actualidade.
Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento fai parte do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela, organizado coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña. Na edición de 2025 participan, ademais de Padrón, os concellos de Arzúa, Porto do Son, Muros, Noia, O Pino, Ordes, Outes, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Teo e Vedra.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)