Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 julio, 2026
• O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, presentaron hoxe o cartel e a programación
• Mondra, Kid Mount e XMaseda encabezan o cartel coa música galega actual dentro do III Festival Ultreia
• A romaría do 25 de xullo, o Gran Derbi Asnal e unha ampla programación familiar completan nove días de celebración
Padrón. 10-7-2026.- O Concello de Padrón deu a coñecer hoxe o programa das festas do Santiaguiño do Monte 2026, que se celebrarán entre o 17 e o 25 de xullo. O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, presentaron unha programación gratuíta pensada para todos os públicos, na que conviven a tradición da romaría máis emblemática da vila con propostas musicais e culturais actuais.
O III Festival Ultreia volverá ser un dos grandes atractivos das festas. A cita reunirá artistas que representan o dinamismo da música galega contemporánea. O sábado 18 actuarán XMaseda e Kid Mount, dous nomes emerxentes da escena urbana da nosa comunidade que están a abrirse paso cunha proposta innovadora e no noso idioma. A programación musical culminará o venres 24 coa actuación de Mondra, unha das figuras máis recoñecidas do panorama musical galego, que chegará a Padrón coa súa xira A Ronda, un espectáculo que fusiona música, danza e tradición desde unha mirada contemporánea.
Xunto a esta aposta pola creación musical galega, o programa inclúe unha ampla oferta de actividades para todas as idades: o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, teatro co Centro Dramático Galego, maxia co Mago Antón, circo con Antuán de la Cream, contacontos, espectáculos de rúa, a actuación do grupo folclórico Rosalía de Castro, a festa infantil con inchables e escuma e o tradicional Gran Derbi Asnal.
O Concello de Padrón mantén o Gran Derbi Asnal (sábado 24, ás 20.00 horas no paseo do Espolón) despois da enquisa realizada o ano pasado, na que o 68,4% das 408 persoas entrevistadas manifestaran que debía seguir celebrándose. Ademais, o 62,6% consideraron que a carreira de burros non podía ser cualificada como unha forma de maltrato animal.
Romaría do Santiaguiño
O punto culminante chegará o 25 de xullo coa romaría do Santiaguiño do Monte. A procesión ata o monte, as misas na capela, a popular sardiñada con reparto gratuíto de cachelos, pan de millo e bolos preñados, as actuacións dos grupos folclóricos e as actividades para a cativada volverán converter esta celebración nun dos grandes encontros populares do verán galego. O Concello habilitará, ademais, un servizo de transporte adaptado para facilitar a subida ao monte.
Durante a presentación, Anxo Arca destacou que o Santiaguiño do Monte “é unha celebración que representa a identidade de Padrón e que combina como poucas festas a forza das nosas tradicións cunha programación cultural de primeiro nivel”. Pola súa banda, Chus Campos puxo en valor unha programación “diversa, participativa e pensada para que veciñanza e visitantes gocen dunha semana de festa na que a música galega ten un protagonismo especial”.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)