Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 agosto, 2026
• Os traballos prolongaranse durante dez días e contan con persoal e maquinaria especializados para reforzar a limpeza dos espazos públicos tras uns meses de intensa actividade festiva
• O alcalde, Anxo Arca, destaca que esta nova actuación “evidencia o compromiso do Concello por manter un pobo máis limpo e habitable empregando medios especializados e eficientes”
O Concello de Padrón iniciou este mércores unha campaña especial de limpeza e desinfección en profundidade das rúas do casco urbano, unha actuación destinada a reforzar o mantemento e a posta a punto da vila.
A intervención lévase a cabo unha vez finalizados uns meses marcados por unha intensa actividade festiva, que trouxo consigo unha elevada afluencia de persoas e un maior uso dos espazos públicos. Neste contexto, o Concello considera necesaria unha actuación específica que permita realizar unha limpeza máis exhaustiva das rúas e das beirarrúas.
A campaña, executada pola empresa FCC, terá unha duración aproximada de dez días e contará cun dispositivo formado por tres operarios especializados, ademais de medios mecánicos específicos para este tipo de actuacións como son unha máquina lava-beirarrúas, unha máquina decapadora e un prato decapador.
Os traballos xa están en marcha e irán avanzando progresivamente polas diferentes rúas do casco urbano. Para facilitar a correcta execución das tarefas, darase aviso aos establecementos das zonas nas que se vaia actuar para que retiren temporalmente terrazas, toldos e outros elementos instalados ou depositados na vía pública.
O Concello de Padrón agradece de antemán a colaboración dos negocios e da veciñanza durante o desenvolvemento das actuacións, necesarias para que os equipos poidan acceder aos diferentes espazos e efectuar unha limpeza en profundidade.
Segundo destaca o alcalde, Anxo Arca, esta nova campaña especial “evidencia o compromiso do Concello por manter un pobo máis limpo e habitable empregando medios especializados, modernos e eficientes”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)