Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 enero, 2024
O pasado xoves, 25 de xaneiro, celebrouse o Pleno do Concello de Padrón que aprobou propostas moi importantes para a vila, tanto a nivel social como turístico. Padrón terá unha zona verde de paseo, duplicará o tamaño do parque infantil existente e construirá o primeiro skatepark e parque de calistenia do municipio. “Por fin, a mocidade de Padrón e os deportes urbanos comezarán a ter o seu lugar. Se queremos un pobo dinámico e cun ocio san é a nosa obriga como Goberno dotar ao municipio de instalacións como estas”, dixo o alcalde. “Pese á importancia de Padrón, así como da súa industria que xera milleiros de postos de traballo, nestes últimos anos a poboación de Padrón decreceu. Para loitar contra isto, queremos dotar a este concello de novos espazos para que a xente decida ter un plan de vida aquí”. Engadiu Anxo Arca.
Tras varios anos sen Plan de Igualdade, o Goberno Municipal considera que a aprobación do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2024-2028 e do primeiro Protocolo para a prevención e actuación fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo no Concello de Padrón será un gran avance. Xa que nel se establecen as liñas a seguir a prol da igualdade estes catro anos. Cada acción que leve a cabo o Concello estará comprometida coa liberdade sexual e a identidade de xénero coa finalidade de corrixir todas as desigualdades. Segundo o alcalde, “este compromiso non quedará no papel como mero trámite, senón que marcará as liñas de traballo na procura dunha igualdade real e efectiva. É dicir, será de toda a cidadanía de Padrón e, polo tanto, terá un seguimento durante estes anos mediante unha avaliación que levará a cabo o CIM (Centro de Información á Muller), así como o seu control”. Nesta liña, Anxo Arca quere remarcar o gran traballo que fan as traballadoras do CIM na loita contra a violencia de xénero no día a día en Padrón.
A Ruta do Pemento aprobada buscará reforzar a identidade gastronómica do pemento de Herbón, así como a dinamización da actividade económica. Para elo, plantéxase unha actividade inmersiva que permitirá ás visitantes e aos visitantes coñecer o entorno das zonas de cultivo, os lugares históricos ligados á súa implantación e as fases da produción do pemento, ademais da súa degustación.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)