Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 marzo, 2024
O concello coruñés de Camariñas acolle a XXXIII Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, do 27 ao 31 de marzo, co lema «Camariñas Sorprende», reivindicando así o encaixe como un elemento de valor para coñecer o municipio, ao igual que as festas, as tradicións, as paisaxes e a gastronomía.
Unha intención que plasmou no cartel, obra do deseñador galego afincado en Marbella, Esteban Freiría, que busca un cambio de tendencia respecto á imaxe das anteriores edicións “e deixa ben claro o que é hoxe en día a Mostra e o encaixe: modernidade e vangarda”, subliñan dende o Concello. O cartel busca imitar ás cabeceiras máis recoñecidas das revistas de moda e así, por un lado, atraer ao público máis mozo, e, polo outro, poñer o foco na vertente da moda máis que na da artesanía, que tamén está recoñecida.
Unha das principais novidades desta edición é a estrea do novo desfile ReEncaixame, que busca incentivar aos deseñadores e ás deseñadoras a reinterpretar unha colección non actual reutilizando tanto os tecidos como o encaixe de Camariñas. Deben amosar como reinterpretan e transforman as prendas nunha nova colección cun enfoque de reutilización de materiais e redución de desperdicio. As persoas participantes desfilaron nalgunha das 29 edicións do Concurso de Noveis Deseñadores da Mostra.
Ademais terán lugar os tradicionais desfiles de Grandes Deseñadores, Noveis Deseñadores, Artencaixe, Delegacións Internacionais, PequeEncaixe e Encaixeiras Sénior.
Trinta e cinco promesas da moda participarán no XXX Concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas.
A apertura da Mostra será o mércores 27 de marzo ás 15.00 horas co tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. Tras a inauguración coas autoridades comezarán os primeiros desfiles amenizados pola artista Lucía Pérez.
Precisamente Radio Líder emitirá unha programación especial para toda Galicia desde a xornada inaugural da Mostra, entre as 17.00 e as 20.00 horas.
Durante os cinco días as firmas de grandes deseñadores amosarán as súas creacións con encaixe. O desfile de ArtEncaixe, estrearase o xoves, 28 de marzo, ás 12.45 horas, e ese mesmo día debutarán as 35 mozas e mozos que participarán no XXX Concurso de Noveis Deseñadores, que repartirá 4.500 euros en premios.
Os desfiles do Pequeencaixe protagonizados polas nenas e nenos das Escolas Municipais recibirán o sábado, día 30, a visita dos Bolechas, para presentar Os Bolechas veñen aprender a palilllar en Camariñas.
O cartel de actuacións deste ano reúne a Lucía Pérez, Carlos Blanco, Hydn e Astarot, xunto coas agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e a Asociación As Cansorriñas. O VII Encontro de Corais e as presentacións dos libros de Ainhoa Conde, Alfonso Sas, Antonio Puertas Lema e Manuel Vázquez completarán o programa.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)