Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Rianxo, 12 de agosto de 2024.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo a súa novena edición até o domingo 18 de agosto. O programa para este martes inclúe cinco funcións, entre elas dúas estreas, e a posta en marcha da Feira Vella.
Ás 11 horas, arrincará a actividade este martes coa compañía Ostomila Títeres. Esta formación vasca-nicaraguana actuará en Campo Maneiro, Taragoña, coa súa obra Las aventuras del coyote y el conejo. A obra mestura dúas divertidas historias tradicionais nicaraguanas dramatizadas mediante o teatro tradicional de monicreques. Trátase dun proxecto de artes escénicas que fusiona bonecos, música e narración oral para afondar na identidade e mais nos nexos de unión entre diferentes culturas.
Na Feira Vella
A partir das 12.00, e até ás 14.00 horas e dende as 20.00 ás 22.00 horas , celebraranse as primeiras sesións de Xogos na Feira vella da man de Viravolta e Pedras de Papel. Con este espazo, situado no Campo de Arriba, Titiriberia propón a recreación dunha feira tradicional na vila de Rianxo. Esta combinación de exhibición, elementos interactivos e propostas escénicas, xunto cunha colección de antigos xogos e atraccións de feira tradicionais, instalarase no Campo de Arriba. Entretementos de puntaría como a ra e o pimpampún ou un teatriño con títeres estarán a disposición do público para uso libre. A Feira vella ademais acolle unha exposición de fotografías de títeres do fotógrafo arousán Manuel Silva Bisgue.
Tamén entre as 12 e as 14 horas, a Feira vella de Titiriberia acollerá a actuación do histórico Grupo de Teatro Airiños, que porá en escena números breves onde representarán debates e sucedidos propios das feiras de antano. Trátase dunha estrea en coprodución co festival que se titula Os casos da feira vella.
Tamén aló, no Campo de Arriba, e no mesmo horario, a compañía galega Xirapaus ofrecerá Kinekito. Esta iniciativa bebe de dúas fontes artesás para crear unha serie de autómatas pensados a recuperar un oficio ben antigo e moi relacionado co mundo das marionetas. O titiriteiro Ero Vázquez, de Teatro Marionetas Trécola, e mais o xogueteiro Manuel Taboada Fernández, de A Chintofanería, unen os seus coñecementos e vivencias nunha experiencia que combina a exposición das súas creacións cunha explicación ilustrada e dramatizada destes aparellos, complementada con contos e interaccións co público.
Espectáculo itinerante e Auditorio
A programación do martes tamén inclúe a estrea De como chegou a Rianxo unha balea, obra de Os Quinquilláns e Vai de Roda que adapta un relato de Rafael Dieste. A peza sairá do Campo de Arriba ás 20.30 e irá até o Auditorio de Rianxo. Precisamente, no Auditorio, rematará a xornada con Un hilo me liga a vos, obra da compañía madrileña La Tartana que poderemos ver ás 21.30 horas. Esta obra tece unha arañeira para mergullar o público máis novo no apaixonante mundo dos mitos gregos. Para a aplacar as iras de Zeus, as moiras contarannos as historias de Teseo e o Minotauro, Ícaro e Dédalo e Aracne e Atenea. La Tartana chega a Rianxo grazas ao apoio do Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (INAEM).
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)