Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 julio, 2026
Galicia quere poñer orde no uso da tecnoloxía dentro das aulas. A Xunta ultima unha Lei de Educación Dixital pioneira en España coa que pretende establecer límites, obrigas e criterios claros para alumnos, profesores e familias nun momento no que os dispositivos electrónicos e a intelixencia artificial forman xa parte da vida diaria dos estudantes.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, defendeu en Radio Líder Santiago a necesidade de regular unha realidade que, ao seu xuízo, avanza a unha velocidade difícil de asumir para a sociedade.
«Non podemos renunciar á tecnoloxía nin á dixitalización. O que temos que facer é un bo uso das enormes potencialidades que teñen», afirmou.
A futura norma, aprobada xa polo Consello da Xunta e pendente da súa tramitación parlamentaria, está chamada a entrar en vigor no curso 2026-2027. Rodríguez asegura que non existe actualmente unha regulación semellante nin en España nin, ata onde coñece o Goberno galego, no ámbito europeo.
O interese social polo proxecto quedou patente durante a súa elaboración. Segundo explicou o conselleiro, trátase da lei autonómica que máis achegas e suxestións recibiu da cidadanía na historia de Galicia.
«Iso denota que hai unha preocupación social e que existe unha necesidade de actuar», sinalou.
Unha das medidas máis significativas afectará aos primeiros cursos educativos. Ata quinto de Primaria, o sistema non permitirá o contacto directo e habitual do alumno cun dispositivo dixital individual dentro do proceso educativo.
A partir desa etapa, o acceso á tecnoloxía adaptarase á idade e ao desenvolvemento dos estudantes.
Rodríguez defende que a decisión está apoiada en informes científicos e no traballo realizado coa Asociación de Pediatría de Galicia para analizar o impacto que un uso inadecuado das pantallas pode ter no desenvolvemento cognitivo dos menores.
«Cando vemos un neno pequeno no carriño cun móbil na man, un pensa que algo estamos facendo mal», reflexionou.
O conselleiro reclamou tamén unha maior implicación das familias. «Eu tamén son pai. Temos que formarnos e ser conscientes de que cando lle damos un móbil a un neno estamos abrindo unha porta a miles de posibilidades, pero tamén a determinados riscos».
Para explicar a filosofía da nova lei, Rodríguez recorreu a unha comparación coa aparición dos primeiros automóbiles.
«Chegou un momento no que houbo que facer un código de circulación para que desaparecese o caos. Agora ocorre algo parecido coa tecnoloxía», afirmou.

A Lei de Educación Dixital regulará tamén por primeira vez o uso da intelixencia artificial no sistema educativo galego.
A posición da Xunta é clara: a IA debe formar parte do ensino, pero nunca poderá substituír ao profesor nin adoptar decisións que afecten directamente ao alumnado.
«Non tería ningún sentido que a intelixencia artificial non estivese na educación. O que pasa é que non pode estar de calquera maneira», explicou Rodríguez.
A Administración autonómica traballa na selección de plataformas que conten con garantías e contidos pedagóxicos adaptados aos currículos educativos.
O conselleiro considera que unha das maiores posibilidades da intelixencia artificial estará na atención aos alumnos con necesidades educativas especiais.
A IA non poderá realizar diagnósticos, pero si poderá servir para adaptar materiais didácticos e facilitar a comprensión dos contidos.
«É unha ferramenta potentísima, sobre todo para aqueles alumnos que máis o precisan. Pero nunca pode suplantar ao profesor», insistiu.
Durante a entrevista, o conselleiro abordou tamén as mobilizacións rexistradas no ensino público galego e rexeitou que exista unha protesta xeneralizada entre o profesorado.
Rodríguez apuntou directamente á CIG e vinculou as mobilizacións a unha estratexia política do espazo nacionalista.
«Non hai unha protesta xenérica do profesorado. Hai unha protesta específica dun sindicato», afirmou.
O titular de Educación defendeu o acordo sindical alcanzado en 2023 coa maioría das organizacións presentes na mesa sectorial e reivindicou as medidas adoptadas desde entón.
Entre elas citou a redución das ratios, a diminución progresiva dos horarios lectivos do profesorado e os novos criterios para formar grupos nos que existen alumnos con discapacidade.
Para Rodríguez, existe unha «folla de ruta» política que busca trasladar unha imaxe negativa dos servizos públicos galegos.
«En Galicia os servizos públicos funcionan ben. Sempre poden mellorar e temos que aspirar a que melloren, pero non se pode presentar un panorama tan desolador como o que algúns intentan vender», asegurou.
Outro dos asuntos que preocupa á Consellería é o modelo da Proba de Acceso á Universidade.
Rodríguez recoñeceu erros na xestión da PAU, aínda que asegurou que a Xunta xa traballaba previamente nunha reforma estrutural do sistema.
O obxectivo é conseguir unha proba máis homoxénea e comparable coa do resto das comunidades autónomas.
O conselleiro advertiu de que os estudantes galegos aparecen habitualmente nos primeiros postos nas avaliacións comparativas de coñecementos, pero esa posición cambia cando se analizan os resultados das probas de acceso á universidade.
«Hai comunidades que están por debaixo nas análises comparativas e despois aparecen moi por encima na PAU», indicou.
Rodríguez considera que esta situación xera desigualdades nun sistema universitario que funciona como distrito único.
«Un alumno que fai a PAU en Galicia, Murcia ou Navarra pode acceder a calquera universidade de España, pero o camiño para chegar a esa porta é absolutamente diferente», criticou.
A Xunta reclama unha maior participación na organización da proba e unha conexión máis estreita entre os profesores de Bacharelato e o ámbito universitario.
A saúde mental dos estudantes constitúe outra das grandes preocupacións da Consellería.
Rodríguez advertiu do incremento de situacións relacionadas co risco suicida, os problemas de convivencia e o acoso escolar.
«Son cuestións que ata hai pouco eran moi excepcionais, pero nos últimos anos intensificáronse», recoñeceu.
Galicia desenvolve un protocolo adaptado dun modelo aplicado en Suecia para identificar indicadores de risco e realizar un seguimento dos estudantes.
A iniciativa conta coa colaboración das consellerías de Educación e Sanidade.
«Non é unha cuestión exclusivamente educativa. É fundamentalmente unha cuestión sanitaria que afecta a persoas que están en idade escolar», explicou.
O obxectivo, segundo Rodríguez, é identificar os problemas canto antes, intervir e reducir ao máximo o risco de que determinadas condutas deriven en situacións máis graves.
«Hai un problema. É relativamente novo ou, polo menos, nunca tivo esta intensidade. Temos que miralo de fronte», afirmou.
O conselleiro pechou a súa análise educativa reivindicando a evolución da Formación Profesional en Galicia durante os últimos quince anos.
Rodríguez cualificou o cambio como unha «revolución silenciosa sen parangón» que permitiu transformar a percepción social destes estudos.
A FP galega supera actualmente os 70.000 alumnos, fronte aos arredor de 30.000 que había en 2009.
Pero o conselleiro considera que o principal indicador é a empregabilidade.
Segundo os datos expostos durante a entrevista, a inserción laboral sitúase arredor do 86 % nos ciclos ordinarios e chega ao 100 % en determinadas modalidades de FP Dual.
«Hoxe a Formación Profesional non é un ensino secundario. É tremendamente esixente, ten prestixio e é a mellor porta para entrar no mundo laboral», afirmou.
Rodríguez destacou tamén a creación de másteres especializados, a FP acelerada para responder ás necesidades inmediatas das empresas e a expansión do modelo dual.
«Cada alumno que pasa por un ciclo de Formación Profesional sabe que ten unha porta aberta ao mundo laboral», concluíu.
Unha transformación educativa que, segundo o conselleiro, obriga á Administración a avanzar ao mesmo ritmo que unha sociedade marcada pola dixitalización e a intelixencia artificial.
«As cousas están cambiando tan rápido que, se non somos capaces de asimilalas, controlalas e xestionalas, poden levarnos por diante».
Escrito por Líder Redacción
conselleiro educacion formacion profesional politica roman rodriguez universidades xunta de galicia




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)