AD

Actualidad

Sae a licitación a xestión do Centro para Persoas sen Fogar de Belvís

today10 junio, 2026

Fondo
share close
AD

A tenenta de alcaldesa compareceu en rolda de prensa para dar os detalles de ambos procedementos, que veñen recibir luz verde nunha Xunta de Goberno extraordinaria celebrada onte. Fíxoo acompañada pola xefa de servizo de Servizos Sociais, Teresa Furelos, e pola xefa de sección, Eva González. María Rozas agradeceu o traballo do departamento de Servizos Sociais “para sacar adiante un proxecto que se enfrontou a numerosas dificultades polo feito de ser novidoso, non só en Santiago senón en Galicia”. María Rozas salientou que “o de Belvís será o primeiro centro para a atención de persoas sen fogar de titularidade municipal no conxunto da comunidade autónoma e é un orgullo que estea en Compostela”. A concelleira reiterou a aposta do Concello de Santiago “pola atención ás persoas máis vulnerables, seguindo a máxima de que o público é o patrimonio das persoas que nada teñen”.

Servizo de xestión do Centro

A Xunta de Goberno aprobou a apertura do procedemento de licitación do servizo de xestión do Centro de Atención Integral das Persoas sen Fogar de Belvís, cun orzamento base de licitación de 923.830,02 euros, IVE incluído. O contrato terá unha duración inicial de dous anos, que se poderán prorrogar por un máximo dun ano máis. As empresas terán un prazo de 35 días para presentar as súas ofertas.

O obxecto deste contrato será a xestión integral do Centro de Atención Integral das Persoas sen Fogar de Belvís, combinando a xestión do recurso residencial, a coordinación e organización do persoal, e a intervención social, educativa e psicosocial coas persoas usuarias.

Para iso, o prego define os recursos humanos necesarios para atender o equipamento. Haberá unha persoa coordinadora do Centro, que debe ser titulada universitaria en traballo social, educación social, psicoloxía ou similar, e acreditar unha experiencia mínima de tres anos de traballo con persoas sen fogar. O Centro contará tamén con persoal técnico de intervención social, un mínimo de catro persoas, que serán as profesionais encargadas de deseñar os proxectos de intervención coas persoas usuarias, facilitar actividades formativas e de lecer, ou apoiar ás persoas usuarias nas súas actividades básicas do día a día. Este persoal técnico de intervención deberá estar dispoñible todos os días do ano, en horario de 8.00 a 22.00 horas. Por último, en canto ao persoal, o contrato inclúe tamén os traballadores de limpeza necesarios para garantir o bo estado do equipamento.

Por outra parte, dentro deste contrato tamén se inclúe o suministro dos recursos materiais necesarios para o funcionamento do Centro: desde roupa e calzado para as persoas usuarias e produtos de hixiene, comida,  ata pequenos electrodomésticos ou os alimentos. Tamén se inclúe o material necesario para os obradoiros, actividades formativas ou actividades de lecer que se desenvolvan no equipamento.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que os pregos desta licitación “recollen as claves do funcionamento que debe ter o novo equipamento atendendo ao seu Proxecto de Centro, á ordenanza reguladora, e tamén ao Plan de Senfogarismo aprobado no seu día”. Nese sentido, María Rozas insistiu en que “non se trata só de darlle un teito ás persoas sen fogar, senón de prestar unha atención integral para a súa recuperación persoal e social”.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a apertura do expediente de licitación do servizo de vixilancia do centro, cun orzamento base de licitación de 475.507,32 euros, IVE incluído. O contrato será tamén por dous anos, cunha prórroga dun ano máis. Neste caso, as empresas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar as súas ofertas.

Proceso de derivación de usuarias

A concelleira explicou que mentres se resolve esta licitación “que axilizaremos o máximo posible”, o departamento de Servizos Sociais iniciou xa o proceso para seleccionar ás persoas que serán as primeiras usuarias do equipamento. Serán, tal e como explicaron as técnicas de Servizos Sociais, “persoas que leven máis tempo en seguimento por estaren en situación de rúa, que teñan perfís acaídos para un equipamento destas características e, sobre todo, que teñan a vontade de de seren usuarias do Centro de Belvís”. O centro botará a andar con 14 prazas se ben, tal e como explicou a concelleira, a autorización da Xunta de Galicia permitiría ampliar ese número.

Despedida de Teresa Furelos

Na rolda de prensa de hoxe, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais aproveitou para agradecer o traballo de Teresa Furelos, no seu último día de traballo por mor da súa xubilación. A ata hoxe xefa de servizo de Servizos Sociais declarouse orgullosa de participar “neste proxecto que vai ser unha referencia en Galicia, para o que van mirar outras administracións, e que supón que o Concello de Santiago vai apostar por recuperar e garantirlle un futuro a xente que xa non ten nada que perder e que nin sequera ten xa esperanzas”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *