Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 junio, 2026
A Plataforma Veciñal Santa Marta Segura intervén hoxe no pleno do Concello de Santiago para reclamar actuacións fronte ao narcotráfico e á inseguridade no barrio. Falamos co seu presidente, José Manuel López. A entidade tamén convocou para esta tarde unha concentración na praza de Pascual Veiga baixo o lema «Nin unha morte máis»
A Plataforma Veciñal Santa Marta Segura leva este xoves ao pleno do Concello de Santiago as demandas da veciñanza ante o que considera un agravamento da inseguridade e da problemática das drogodependencias no barrio. O colectivo leva meses reclamando unha resposta das administracións ante a presenza de puntos de venda de droga, o aumento da inseguridade, os roubos, a aparición de xiringas en espazos públicos e as mortes por sobredose, cuestións que volve poñer hoxe sobre a mesa no debate municipal.
En declaracións a este medio, José Manuel López advertiu de que «en menos de 30 días temos un morto máis por sobredose» e asegurou que os problemas que a plataforma leva denunciando desde hai ano e medio «agudizáronse aínda máis». O presidente do colectivo cualificou a situación de «bastante insostible» e reclamou que «hai que afrontar, dunha vez por todas, un problema social grave».
López explicou que a principal reclamación da plataforma pasa por actuar contra os puntos de venda de droga que identifican como a orixe do problema e, ao mesmo tempo, reforzar os recursos destinados ás persoas drogodependentes. «Hai que actuar nos dous frontes», sostivo, defendendo unha resposta que combine a aplicación da lei coa atención e rehabilitación das persoas afectadas polas adiccións.
O presidente da plataforma incidiu en que Santa Marta é un barrio familiar e universitario cuxa convivencia se está a ver afectada pola problemática das drogas. Nese sentido, defendeu que a solución pasa por combinar actuacións contra o narcotráfico con medidas de apoio ás persoas drogodependentes, para garantir tanto a seguridade da veciñanza como a súa rehabilitación.
Como complemento á súa intervención no pleno, a Plataforma Veciñal Santa Marta Segura convocou para esta tarde, ás 20.00 horas, unha concentración na praza de Pascual Veiga baixo o lema «Nin unha morte máis». Coa mobilización, o colectivo pretende reclamar unha maior implicación das administracións ante unha problemática que, segundo sostén, continúa deteriorando a convivencia e a seguridade no barrio.
Escrito por Líder Redacción
Barrio Santa Marta Plataforma Santa Marta Segura santa marta segura



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)