AD

Comarca

El gato con botas de agua leva os dereitos da infancia á Capela da Madanela de Arzúa

today28 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

Arzúa, 28 de outubro de 2026. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que o circuíto de intercambio cultural a través das artes escénicas Camiño Escena Norte chega a Arzúa na súa oitava edición. O venres 30 de outubro, ás 18.00 horas, a Capela da Madanela acollerá El gato con botas de agua, da compañía asturiana El Callejón del Gato, unha proposta de teatro visual, monicreques e obxectos para público infantil e familiar recomendada a partir de 2 anos. A entrada será libre ata completar a capacidade e, ao remate da función, haberá un encontro entre a compañía e o público.

Un barco de pesca en alta mar, unha tormenta, un rescate, unha nena e un gato. Recoñecida co Premio Oh! 2025 ao mellor espectáculo para a infancia, a montaxe revisita o conto clásico para reflexionar sobre os dereitos fundamentais da infancia: o dereito a un nome e a unha nacionalidade, á protección e ao coidado, á alimentación e a unha vivenda digna. Ao longo de 42 minutos, El Callejón del Gato conecta a imaxinación do relato tradicional cunha mirada contemporánea e converte unha noite difícil nunha viaxe compartida cara a un porto seguro.

A función de Arzúa será, xunto coa de Vimianzo ese mesmo día, a última sesión de Camiño Escena Norte en Galicia nesta edición, que pecha así o seu percorrido por nove localidades das provincias da Coruña e Lugo.

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza, artes do movemento e circo contemporáneo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *