Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 octubre, 2026
A cita é o sábado 24 no centro sociocultural Maruxa e Coralia, ás 18:30 horas, con entrada libre ata completar aforo
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026 (Vía Láctea Comunicación).- Santiago acolle esta fin de semana o V Festival dos Camiños. A cita será este sábado, 24 de novembro, no centro sociocultural Maruxa e Coralia, ás 18:30 horas. A entrada é libre ata completar aforo.
Esta iniciativa, impulsada pola Asociación Cultural-Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya, nace do feito de que o Museo foise convertendo nun lugar de peregrinaxe para Tunas procedentes das dúas beiras do Atlántico. Aproveitando as súas visitas, xurdiu a proposta de achegar os seus repertorios para cidadáns e visitantes e, deste xeito, estreitar lazos cos países de procedencia destas agrupacións musicais de corda pulsada.
Tuna de Egresados Universitarios Santa Fe de Bogotá
No festival actuarán a agrupación musical do Museo Casa de la Troya, Troyanos de Compostela, e a Tuna de Egresados Universitarios Santa Fe de Bogotá, unha entidade con 42 anos de traxectoria, conformada por antigos universitarios do país colombiano. O seu obxectivo é difundir e conservar a tradición das tunas, levando a súa música por diferentes países. Na actualidade conta tamén con membros estranxeiros de diversas orixes como Porto Rico, México, Chile, EEUU ou España. A Embaixada española impúxolle a beca en 1986, nun acto celebrado na Casa de España.
Ao longo da súa traxectoria ten participado en eventos de gran relevancia nacional como os cambios presidenciais, a visita do papa Juan Pablo II, actos de diferentes embaixadas no país, ademais da súa presenza en festivais e en concertos para fins benéficos. Conta con varias producións discográficas e cun amplo repertorio de cancións, moitas delas orixinais, compostas polos propios tunos que integran a agrupación. Foi premiada pola súa dedicación á preservación e difusión da tradición das Tunas Universitarias e a súa contribución ao fortalecemento do patrimonio cultural e musical de Bogotá.
Troyanos de Compostela
Nacida en 2013, Troyanos de Compostela xurdiu como un proxecto vencellado ao Museo Casa de la Troya, cos obxectivos de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela La casa de la Troya de Pérez Lugín); e lembrar a figura e a obra de compositores galegos daquel tempo. Desde a súa presentación, o grupo realizou diversas actuacións, tanto en Santiago e na súa contorna como noutras localidades de Galicia, España, Portugal e Latinoamérica. En 2018 presentaron o seu disco “Viva Galicia! A música no tempo da Casa da Troia”.
«Continuamos coa liña de anteriores festivais de achegar as nosas músicas tanto á cidadanía de Compostela como aos visitantes; co fin de divulgar o noso repertorio, composto de pezas que forman parte da banda sonora de Santiago, mesturando as cancións galegas coa música iberoamericana» -explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo Casa de la Troya-. Destaca así mesmo o feito de que este ano se sume Colombia a esta iniciativa, tal como o fixeron en edicións anteriores tunas procedentes de México, Puerto Rico e Arxentina. “O Festival dos Camiños é unha extraordinaria oportunidade de expresar a irmandade cos pobos de Latinoamérica, sendo ademais agrupacións que consideran o Museo Casa de la Troya como un espazo mítico e lugar de peregrinación ao que voltar ao cabo do tempo» -salienta-.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)