AD

Destacado

Santiago lanza a campaña «O teu machismo dá noxo» con motivo do 25N

today7 noviembre, 2023

Background
share close
AD

07/11/2023.- Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, o vindeiro 25 de novembro, o Concello pon en marcha unha campaña ao longo deste mes coa intención de convidar á cidadanía a reflexionar sobre os comportamentos e formas de violencia machistas nas redes sociais e no mundo do deporte. Esta iniciativa foi presentada esta mañá pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada por Teresa Furelos, xefa de Servizo da Área de Acción Social, e de Pilar Abades e Sabela Iglesias, creativas na produtora Illa Bufarda, responsables da campaña.

Na rolda de prensa de presentación, Goretti Sanmartín explicou que con esta campaña o Concello de Santiago quere transmitir a idea de que «a sociedade compostelá di non a todo tipo de violencia», xa que se trata dunha sociedade que «está moi sensibilizada ao respecto das violencias de xénero e que non quere dar ningún paso atrás».

A rexedora recalcou que se trata dunha iniciativa «valente» coa se pretende «non deixar indiferente a ninguén, se non xustamente provocar sensacións de desacougo, de inquedanza, de noxo e de rabia fronte a calquera tipo de violencia machista». Para isto, a campaña desenvolverase desde dúas perspectivas, que se centrarán «por un lado, na violencia que as mulleres novas sofren nas RRSS ao respecto do seu corpo, as súas vidas e as súas decisións» e, por outro, «no mundo de deporte», como un dos espazos nos que o Concello pode promover «non só a condena de todo tipo de machismo, senón tamén «unha reflexión sobre a idea de vivirmos en igualdade», engadiu a alcaldesa.

Para concienciar á cidadanía sobre os diferentes tipos de violencia machista, durante todo o mes de novembro difundiranse unha serie de mensaxes a través de diferentes soportes como carteis, vasos, manteis, bolsas… que serán empregados por todos os establecementos comerciais ou hostaleiros que se sumen á iniciativa, así como a través de imaxes nos autobuses urbanos e as marquesiñas, lonas desepregadas en diferentes edificios emblemáticos e espazos deportivos ou proxeccións nalgunhas prazas da cidade. Todo isto coa intención de «interrogar a todas as persoas que pasan pola rúa para que non cedamos e para dicir que seguimos avanzando en igualdade, sen dar nin un paso atrás», subliñou Goretti Sanmartín.

A campaña tamén se desenvolverá nas redes sociais do CIM (Facebook, Instagram e Tiktok) traves de pílulas informativas que contaron coa participación de mulleres deportistas da cidade de diversas disciplinas, e se fará uso do cancelo #senprórroga. O 24 de novembro tamén terá lugar a lectura pública do manifesto.

Campaña

Os materiais da campaña pretenden apelar directamente a todas as persoas que os ven coa intención de convidar á cidadanía a reflexionar sobre comportamentos machistas como o mansplaining, sextorsión, insultos e escalificacións…Cada unha destas formas de violencia van acompañadas das correspondentes definicións para aquelas persoas que non estean familiarizadas con elas, e a nivel visual, de alimentos en estado de descomposición que buscan provocar noxo e rexeitamento no receptor/a, e que esta emoción se dirixa tamén contra quen exerce esa violencia.

Desde hoxe e ata o 15 de novembro, todas as entidades que desexen adherirse a esta campaña, poderán solicitar os materiais a través desta ligazón, que estará tamén a disposición na web do concello, ou ben, mediante o escaneo dun código QR que se atopará na Casa Xohana Torres e CIM. As entidades ou establecementos que realicen a solicitude, recibirán un lote composto por cartelería xeral e específica, ademais, en función da actividade do negocio, completarase cos materiais máis acaídos, vinilo, bolsas, vasos, manteliños.

A violencia machista en Santiago

A xefa de Servizo da Área de Acción Social Teresa Furelos, achegou algunhas cifras sobre o traballo realizado polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Santiago ao longo dese ano. En total, desde o 1 de xaneiro atendéronse 178 persoas, das cales 108 foron novas usuarias. Do total de mulleres atendidas, 114 dos casos foron relacionados coa violencia de xénero, o factor principal de vulnerabilidade ou dificultade. Ademais, desde o mes de xaneiro ata o mes de outubro, o CIM atendeu un total de 767 consultas.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%