Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 diciembre, 2023
22/12/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, e o concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, presentaron esta mañá o borrador de orzamentos do Concello para o 2024. As contas, que superan os 141 millóns de euros, céntranse no gasto social, a promoción do emprego, a mellora dos servizos públicos e os investimentos nos barrios e parroquias.
Na rolda de prensa de presentación desta mañá, a alcaldesa detallou que os orzamentos municipais para este ano «ascenden a máis de 141 millóns de euros», e buscan «iniciar un modelo de concello transformador acorde ás demandas da veciñanza, do tecido social, económico e cultural e tamén á altura da capital de Galiza». O obxectivo é poñer en marcha medidas «para situar as persoas no centro das políticas locais e reorganizar este concello», salientou.
Goretti Sanmartín destacou que a elaboración conxunta por parte dos dous grupos que conforman o Goberno municipal foi un «proceso laborioso» baseado nunha «estratexia común»e «cun total entendemento para buscar o mellor para a veciñanza».
Segundo a rexedora, a proposta está orientada a «darlle protagonismo a barrios e parroquias, para avanzar nun concello cohesionado, con novas dotacións públicas, coa mellora da calidade de vida e para situar Compostela á vangarda da igualdade e da sustentabilidade na loita contra o cambio climático».
A continuación, Goretti Sanmartín fixo un repaso polas principais liñas políticas que guían o documento do Orzamento 2024 do Concello de Santiago:
Servizos públicos de calidade
A intención nesta liña é a regularización dos contratos en precario é a renovación do contrato do transporte, o Servizo de Axuda no Fogar, o contrato de conserxería e limpeza dos centros escolares e pavillóns deportivos e o de centros socioculturais, entre outros, así como a rehabilitación dos centros socioculturais e un plan de mellora de instalacións deportivas e das pistas exteriores.
Políticas Sociais, Culturais e de Igualdade para a maioría
A alcaldesa salientou que os orzamentos teñen un marcado «carácter social e igualitario», polo que se incrementarán os recursos económicos para Cultura, Servizos Sociais, Mocidade, Educación e Centros Sociais.
Entre as acción previstas na área de Educación están a posta en marcha dun plan anual de conciliación ou un plan piloto de comedor con cociña no propio centro escolar.
Ademais, as políticas de Igualdade «representan un 2,2% destes orzamentos e están concibidas cun criterio de transversalidade» con partidas para diferentes áreas. Entre as acción previstas están a creación do Servizo de Asesoramento LGBTI.
Tamén destacou unha partida económica para desenvolver un plan de recuperación da memoria histórica e democrática.
Transformación urbana e mellor acceso á vivienda
Outra das liñas prioritarias céntrase en impulsar «a transformación urbana e a mellora do acceso á vivienda».
Con este fin, prevese a convocatoria dun «concurso de ideas para o proxecto de transformación urbana do eixe Campo da Estrela – Basquiños; desde a Senra até San Caetano» a mellora da accesibilidade e a creación de itinerarios peonís e ciclistas. Tamén se recollen partidas para incrementar a seguranza viaria e para a creación dun Plan de mantemento dos parques infantís
Para atender o dereito á vivenda, «queremos ampliar o parque de vivenda pública coa adquisición e rehabilitación de inmobles para vivenda en alugueiro» e «priorizar as obras de rehabilitación sobre a construción de vivenda nova».
Sustentabilidade e territorio
No tocante aos investimentos para mellorar a sustentabilidade, a renaturalización de espazos urbanos e a cohesión do territorio, recóllese o Plan de abastecemento e saneamento do rural, que se suma aos conveniados coa Xunta; un Plan de drenaxe e de novas canalizacións para reducir os asolagamentos; actuacións de renaturalización e mellora da biodiversidade, así como o proxecto para a instalación de depuradoras ecolóxicas e a recuperación do palacete do Espiño e da zona verde da súa contorna.
Tamén se prevén partidas para a execución da plataforma loxística de transportes, a implantación de novos Colecamiños e o programa «Faite Ver» de seguranza viaria no rural.
Ao respecto do compromiso do Pacto polo Rural, os orzamentos conteñen unha dotación económica de 4.375.147 euros, cunha porcentaxe superior ao 3%.
Investimentos
O borrador de orzamentos tamén recolle unha serie de partidas para a recuperación dos espazos públicos nos barrios e parroquias, como o caso dos proxectos de reurbanización das rúas García Lorca, Ponte da Raíña e Mallou ou a reforma da praza de Abastos
Mellor gobernanza e modelo de cidade
Co obxectivo de favorecer o desenvolvemento local e mellorar a xestión interna e externa do Concello, o proxecto contempla partidas dirixidas a impulsar un novo modelo turístico, co Plan estratéxico 2024-2029, un novo marco de gobernanza e as medidas necesarias para a posta en marcha da chamada taxa turística.
Outro dos eixes fundamentais nesta área do orzamento é a reestruturación e modernización da Administración municipal e o reforzamento do Auditorio de Galicia.
Orzamentos sociais
Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa, María Rozas, incidiu en que os orzamentos de 2024 son «claramente sociais, centrados nas persoas, e sobre todo nas máis vulnerables». Esa filosofía, explicou, «vese reflectida nos números, con incrementos moi importantes nas áreas sociais».
Así, explicou, os orzamentos de 2024 destinan máis de 8 millóns de euros a atención primaria, sen incluír os gastos de persoal, fronte aos 2,5 millóns de 2022. María Rozas salientou tamén a partida prevista para o Servizo de Axuda no Fogar, «que queremos mellorar porque é un servizo moi sensible, garantindo ademais as condicións laborais das traballadoras». Para iso, o incremento en 2024 será do 43%, e para 2025 prevese unha partida de 6,3 millóns de euros fronte aos 3,6 de 2022. Ademais, no orzamento presentado hoxe recóllense importantes aumentos en partidas como a de Bolsas de Comedor Escolar, Actividades Extraescolares e Material ou Cooperación ao Desenvolvemento, e introdúcense fondos para implementar o programa Xantar na Casa.
Ademais, a tenenta de alcaldesa incidiu en que «as políticas para a mocidade son outra das prioridades do Goberno», e por iso as partidas desta área pasan de menos de 300.000 euros en 2022 a 565.000 en 2024. No que ten que ver con este departamento, Rozas salientou a recuperación dos Orzamentos Participativos, con 100.000 euros para actividades.
Tamén hai importantes incrementos en Emprego, que pasa de 725.000 euros a case 1,2 millóns; ou en Comercio, con 170.000 euros máis que en 2022.
Mobilidade e Centros Socioculturais
A tenenta de alcaldesa tamén se referiu á área de Mobilidade, onde destaca o incremento da partida para transporte público, que supera os 9 millóns de euros. Tamén hai partidas para impulsar a mobilidade ciclista e peonil, así como a seguridade.
No que ten que ver cos Centros Socioculturais, o orzamento sobe 700.000 euros, ata os 2,5 millóns de euros. Para obras de mellora das instalacións da rede destínase unha partida de 675.000 euros.
Ingresos e gastos
Pola súa banda, o concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, fixo un repaso técnico polas liñas recollidas no proxecto de Orzamentos do que detallou «ascende a máis de 141 millóns de euros, cuns ingresos correntes de case 124 millóns, uns ingresos de capital de máis de 7,5 millóns e uns ingresos financeiros de case 10 millóns».
Manuel César explicou que «os ingresos que máis aumentan son os patrimoniais, en máis de 133 por cento, superando os 800.000 euros, seguido das transferencias correntes que superan 20 por cento de incremento, o que supón uns 44 millóns de euros, os impostos indirectos, que se incrementan un 16 por cento (5,3 millóns), seguidos das taxas e outros ingresos que o fan en 10 por cento, uns 24 millóns». Na súa intervención, o edil fixo fincapé en que durante o exercicio do 2024 «non se prevé ningunha suba de impostos», xa que o incremento dos ingresos «acadarase sen elevar a presión fiscal sobre a cidadanía».
A respecto dos gastos, os correntes superan os 121 millóns, sendo os de capital de máis de 18 millóns e os financeiros de 1,5 millóns de euros. Manuel César detallou que o capítulo que máis aumenta dentro dos gastos «é o dos gastos financeiros que supera 23 por cento, seguido dos pasivos financeiros con máis de 18 por cento; as transferencias correntes que o fan en máis de 15 por cento, cun montante de case 21 millóns; seguido de capítulo I de gastos de persoal, que se incrementará en máis dun 13 por cento superando os 40 millóns de euros». Seguiría co capítulo VI de investimentos aumentaría en case 6%.
O concelleiro tamén explicou que desde o punto de vista da clasificación funcional, «todas as áreas de gasto, con excepción das actuacións de carácter económico experimentan incrementos». Manuel César destacou a área de actuacións de protección e promoción social, que se incrementa máis de 35%, ou o aumento dun 8% na área de gastos das partidas dedicadas a cultura, educación, deportes e sanidade. Outra área que medra a respecto do anterior orzamento é a dos servizos básicos que o fai en máis de 6%.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)