Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Ascensión 2026 enche Compostela de música, tradición e actividades para toda a veciñanza
Santiago de Compostela celebrará do 12 ao 17 de maio unha nova edición das Festas da Ascensión, unha das citas máis agardadas do calendario festivo da cidade. O programa deste ano combina grandes concertos, propostas tradicionais, teatro, deporte, actividades familiares e eventos populares repartidos por diferentes espazos de Compostela.
Entre as actuacións máis destacadas figuran Tanxugueiras, que abrirán as festas o martes 12 na praza do Obradoiro; Mondra, que actuará o xoves 14 na praza da Quintana; e Alba Reche, protagonista do concerto do sábado 16 dentro do ciclo SON Estrella Galicia. Tamén haberá música coa Santiago 40 Pop, o Composfest e diversas orquestras na Alameda.
A programación manterá algunhas das citas máis tradicionais da Ascensión, como a comparsa de Cabezudos, a Feira Cabalar de Amio, o Torneo da Chave, os Cantos de Taberna, as alboradas e as actuacións de grupos de baile e música tradicional polas prazas da zona vella.
O xoves 14, día grande das festas, a cidade vivirá unha intensa xornada con alboradas, concerto da Banda Municipal, cabezudos, Folk na rúa, feira cabalar e o concerto de Mondra.
Pola súa banda, o sábado 16 celebrarase a Festa das Persoas Maiores no Recinto Feiral de Amio, ademais do Campionato Galego de Espada, a exposición FastLife Expomotor e diferentes actuacións tradicionais.
As atraccións da Alameda estarán dispoñibles desde o 8 ata o 25 de maio, con horarios inclusivos sen ruído os días 8, 16 e 17 de maio de 17.00 a 19.00 horas. Tamén se instalará un Punto Lila na Alameda entre o 13 e o 16 de maio, con atención de 20.00 a 01.00 horas.
As festas rematarán o domingo 17 coa XXV Carreira da Ascensión, o concerto da Banda Municipal polo Día das Letras Galegas e o espectáculo “Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño” na praza da Quintana.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)