Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 noviembre, 2023
Teo, 13 de novembro de 2023.- O Concello de Teo vén de iniciar os traballos de reforma do campo municipal de fútbol de Calo, co fin de proceder ao arranxo do seu muro exterior e outras deficiencias menores nesta instalación deportiva.
As obras comezaron xa a finais da semana pasada e supoñen un investimento para o Consistorio de case 24.500 euros. Para financiar parte deste gasto, o Concello beneficiarase dunha axuda de case 19.600 euros da Vicepresidencia Primeira e
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes dentro da liña de subvencións para levar a cabo a reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal.
Así mesmo, esta achega do Executivo galego contempla tamén unha liña para a compra de material deportivo inventariable. No caso de Teo, fóronlle concedidos algo máis de 9.700 euros -dun orzamento presentado de algo máis de 12.000 euros- para a reposición de material nos diferentes pavillóns municipais.
Desta forma, o Concello segue traballando a prol da mellora das instalacións municipais, neste caso deportivas, co fin de ofrecer uns servizos de calidade e con todas as garantías para os veciños de Teo. Unha mellora que se suma á xa anunciada días atrás, consistente na mellora da cuberta do pavillón deportivo dos Tilos, unha actuación que será financiada integramente pola Xunta de Galicia con 48.300 euros.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)