Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 mayo, 2024
Foto: Javier Bragado
27/05/2024 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade para coordinar o dispositivo con motivo da celebración do Son do Camiño, festival que se celebrará do 30 de maio ao 1 de xuño en Santiago e ao que está previsto que acudan máis de 40.000 persoas cada día. As administracións implicadas actuarán de forma conxunta con medidas especias que se aplicarán tanto nos controis de acceso e no interior do recinto, como na propia cidade. Tamén se reforzarán os accesos á cidade en vehículos e a través do servizos de tren e autobús.
A Xunta Local de Seguridade extraordinaria celebrouse no Salón Verde do Pazo de Raxoi e estivo copresidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Na reunión tamén estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro; o intendente xefe da Policía Local, José Ramón Silva Dieste; o inspector principal da Policía Local, Jesús Pérez Martinez; así como varios representantes da Policía Nacional e da Guarda Civil de Santiago.
Tras o encontro, a alcaldesa detallou que nas últimas semanas se mantiveron «distintas reunións para traballar no plan para sobre as cuestións relativas á mobilidade e á seguridade en coordinación con todas as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, tamén a nivel galego e a nivel local». Goretti Sanmartín tamén anunciou «un reforzo importante do transporte colectivo a través de buses lanzadeira», algo que é «habitual nun festival que xa ten tradición e cun operativo xa coñecido».
Pola súa banda, a subdelegada avanzou que «para que o Festival poida celebrarse en condicións de seguridade», porase en marcha un «dispositivo especial de arredor de 230 efectivos» pertencentes aos diferentes corpos da Policía Nacional como a UIP, os TEDAX ou medios aéreos, entre outros. Ademais sinalou que a Garda Civil de tráfico contará con mais de 60 axentes ao longo da fin de semana para reforzar os accesos á cidade, «sen descoidar a seguridade nas chegadas por tren e por áutobús».
O concelleiro Xan Duro tamén confirmou a despregamento para esta fin de semana dun «dispositivo de preto de 40 persoas entre Policía Local, servizo de Bombeiros e Protección Civil».
Modificacións no tráfico
Con motivo da celebración do festival O Son do Camiño, que terá lugar no Monte do Gozo o xoves 30 e o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño, produciranse as seguintes modificacións no tráfico:
– Pecharase á circulación a rúa das Estrelas (dende a rotonda coa rúa de Fernando Casas Novoa), a rúa do Gozo, a rúa San Martiño e a rúa da Agra dos Campos dende as 14:00 horas do xoves 30 ata as 05:00 horas do domingo 2 de xuño, excepto para vehículos de emerxencia.
– Os/as residentes, que deberán estar acreditados pola organización, poderán acceder pola rúa San Martiño, ou pola zona de Aríns.
– Os vehículos de persoas con mobilidade reducida que asistan aos concertos accederán pola rúa do Gozo.
– En función da densidade do tráfico, principalmente na hora de remate dos concertos, poderán sufrir cortes puntuais as rúas de Senande, Santa Eulalia de Bando e rúa San Marcos. Nesta franxa horaria tamén poderá pecharse ao tráfico a N-634, tendo os condutores que utilizar a autovía A-54 (autovía do aeroporto).
Recoméndase na medida do posible empregar o transporte público, reforzado por dous servizos lanzadeira, e evitar o uso do turismo privado. Para facilitar o estacionamento do mesmo reservarase o aparcadoiro do Estadio de San Lázaro e o da Cidade da Cultura.
Transporte urbano
Habilitaranse dous servizos lanzadeira, un dende o centro da cidade e outro dende a Cidade da Cultura, que funcionarán durante os días 30 e 31 de maio e 1 de xuño de forma continuada ata o acceso ao Monte do Gozo. Os servizos de ida funcionarán desde as 14:00 ata as 22:30, e os de volta arrancarán ás 22:30 e finalizarán ás 5:00 horas da madrugada os tres días do evento. A partir das 22:30 horas, as lanzadeiras realizarán exclusivamente viaxes de volta dende os puntos de saída próximos ao monte do Gozo ata o centro da cidade e ata a área de estacionamento da Cidade da Cultura.
A liña especial 1 terá como punto de saída as dársenas da Cidade da Cultura. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 22:30 horas será a rúa de San Lázaro nº 104, confluencia coa rúa de Miguel Ferro Caaveiro.
A liña especial 2 terá como punto de saída a estación de autobuses, nas dársenas da 21 á 25. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 22:30 horas será a avenida de Fernando Casas Novoa, confluencia coa SC-20.
Haberá unha liña especial adicional para campistas, que realizará servizos desde o aparcadoiro do multiusos Fontes do Sar (parada do transporte urbano fronte á entrada ao edificio). Estes autobuses chegarán ata a zona de camping do Monte do Gozo, no cruce de Senande e rúa das Estrelas.
Os servizos de ida desta liña serán exclusivamente o xoves 30 de 10:00 a 14:00 horas, e os de volta serán o domingo 2 de 10:00 a 16:00 horas.
Ademais, os/as asistentes aos concertos dispoñen doutras dúas liñas do transporte urbano, a 6 e a 7, para achegarse ata o Monte do Gozo:
A liña 6 (Os Tilos – San Marcos) realiza paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (zona Costa de San Marcos e Hotel Santiago Apóstol). Nesta liña, con servizos ata as 23:00, as frecuencias serán de 20 minutos o xoves e o venres, e de 30 minutos o sábado pola tarde. As paradas máis céntricas para o acceso á liña 6 son: (691) rúa do Hórreo (estación Intermodal), (276) rúa do Hórreo (Parlamento), (277) rúa do Hórreo nº 23, (228) rúa da Ensinanza e (662) rúa da Virxe da Cerca nº 10. A parada máis próxima ao estadio de San Lázaro para acceder a esta liña é a 562, rúa de San Lázaro nº 82.
A liña 7 (Valle Inclán – Aríns), conta tamén con paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (cruce rúas Senande con San Martiño) nos servizos con destino Aríns. Terá unha frecuencia de 60 minutos todos os días do festival, con servizos ata as 22:00. As paradas máis céntricas para acceder á liña 7 son: (637) rúa de Valle-Inclán (dársena de autobuses), (660) rúa de Virxe da Cerca (Praza de Abastos), (247) rúa de Fonte de Santo Antonio nº 3 e (410) praza de Galicia nº 3.
Pódense consultar todas as indicacións de acceso na sección de avisos.
Escrito por Líder Redacción
compostela o son do camiño radio lider santiago santiago seguridade
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)