Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 julio, 2026
Unha nena resultou ilesa este mércores ao mediodía tras declararse un incendio na vivenda na que se atopaba soa, no lugar de Picardel, en Meirama, no concello coruñés de Cerceda. A menor reaccionou ao lume saíndo da casa para pedir axuda aos veciños e permaneceu no exterior ata a chegada dos servizos de emerxencias.
O suceso produciuse pouco despois das 14.30 horas. Segundo informou o 112 Galicia, un particular contactou co servizo de emerxencias para comunicar que unha nena se achegara ata un bar da rúa pedindo axuda. A menor explicou que estaba soa na casa e que o sofá comezara a arder.
Tras recibir o aviso, o 112 Galicia mobilizou os Bombeiros de Ordes, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil de Cerceda.
Á chegada dos bombeiros, o lume xa fora apagado polos veciños. Os efectivos procederon a revisar a vivenda e a arrefriar a zona afectada para evitar que as lapas puidesen reavivarse.
Segundo indicaron os Bombeiros de Ordes, todo apunta a que un curtocircuíto nun enchufe puido estar na orixe do incendio. O lume propagouse rapidamente ao sofá e tamén ardeu unha mesa, mentres que outros obxectos próximos resultaron danados polas altas temperaturas.
A Policía Local confirmou que non houbo persoas afectadas. A menor abandonou a vivenda en canto detectou o lume, pediu axuda e agardou no exterior ata a chegada dos medios de emerxencia.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)