Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 septiembre, 2026
Val do Dubra, 7 setembro de 2026. O Concello de Val do Dubra decreta dous días de loito polo falecemento de Celsa Oreiro, coñecida por Checha, concelleira de Educación e Cultura neste mandato (2023/2027) e no (2015/2019), e igualmente activa noutros nos que exerceu o seu traballo na oposición.
Tras a celebración da Xunta de Voceiros, o Concello acordou declarar dous días de loito oficial, o luns 7 e o martes 8 de setembro, mediante o correspondente Decreto de Alcaldía.
O Concello quere trasladar o seu máis sentido pésame á súa familia, amizades e persoas achegadas, así como expresar o seu profundo pesar pola perda dunha muller profundamente vinculada ao día a día de Val do Dubra, comprometida coa súa xente e á súa cultura.
Celsa Oreiro foi unha concelleira comprometida, próxima e moi involucrada na vida municipal, cunha especial sensibilidade cara á cultura e á educación. Ao longo da súa etapa no Concello traballou para impulsar e apoiar iniciativas destinadas a poñer en valor o talento, as tradicións e a identidade cultural de Val do Dubra.
Entre as iniciativas nas que participou activamente destaca A Ruada, unha proposta destinada a recoñecer e poñer en valor os artistas e as persoas vinculadas á cultura do propio municipio. Tamén tivo un papel destacado na programación do Outono Cultural, contribuíndo a achegar diferentes propostas culturais e variadas á veciñanza e a fortalecer a vida cultural do concello.
Do mesmo xeito, desde a área de Educación acompañou e apoiou de maneira especial o traballo da Escola Municipal de Música, apostando pola formación musical e pola participación das novas xeracións na vida cultural de Val do Dubra e tamén destacou o seu papel e loita polos dereitos da infancia, estando man a man coa comunidade educativa na elaboración no Plan da Infancia e Adolescencia 2025/2029 ou no recoñecemento do labor da Escola Infantil.
O Goberno municipal destaca que “Checha foi unha muller que apostou pola nosa cultura, polas nosas tradicións e polo talento da xente de Val do Dubra. Deixa unha fonda pegada no noso concello e, especialmente, no ámbito da Educación e da Cultura, onde traballou sempre con ilusión”.
Celsa Oreiro deixara a súa acta como concelleira recentemente, poñendo fin á súa etapa de representación municipal, pero deixando tras de si un importante legado de traballo, compromiso e dedicación á veciñanza.
O Concello de Val do Dubra quere tamén agradecer as numerosas mostras de cariño e apoio recibidas nestes momentos e facer chegar á familia de Celsa Oreiro todo o seu afecto, respecto e acompañamento.
Val do Dubra despide a Checha con gratitude e cariño, recoñecendo o seu compromiso coa educación, coa cultura, coas nosas tradicións e, sobre todo, coa súa xente.
A atención ao público na Casa do Concello estará dispoñible ata as 13.00 horas na xornada de mañá, martes, con motivo da asistencia ao funeral.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)