Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 diciembre, 2024
Este sábado, ás 19:30 horas, o Auditorio Abanca de Santiago de Compostela acollerá un evento cultural sen precedentes. A Escola de Música de Santa Cruz de Rivadulla e o grupo A Requinta da Laxeira, ambos do Concello de Vedra, presentarán un macroconcerto gratuíto que promete emocionar e sorprender ao público cunha mestura innovadora entre música tradicional e contemporánea.
Fernando Rey, director da Escola de Música, e Chío Couto, membro de A Requinta da Laxeira, compartiron detalles sobre este proxecto nunha entrevista realizada en Radio Líder Santiago.
«Esta idea xurdiu hai xa catro anos», explicou Fernando Rey. «Sempre nos dicíamos nas festas da Ulla: temos que facer algo xuntos. Por fin concretouse, aínda que tivémola que adiar pola pandemia. Agora chega no 2024 e é algo moi especial».
O concerto combinará interpretacións separadas e pezas fusionadas. A clave, segundo Rey, está nos arranxos do compositor galego Pablo Pascual, quen conseguiu «unha mirada moi innovadora, pero ao mesmo tempo moi respectuosa coas sonoridades do tradicional».
Chío Couto engadiu: «Para nós, foi un reto. Tivemos que saír da zona de confort, traballar dun xeito máis formal e mergullarnos nun proxecto que require máis preparación, pero que tamén nos enriqueceu moito como grupo».
Ademais de ofrecer unha experiencia musical única, o concerto busca recoñecer a importancia da música tradicional galega e dos seus portadores ao longo das xeracións. «Queriamos render unha homenaxe aos nosos antepasados, aqueles que, dunha maneira artesanal, transmitiron a música de xeración en xeración», afirmou Chío Couto. «Este concerto é tamén un tributo a eles».
Fernando Rey destacou o papel esencial das escolas de música en Galicia: «É incrible pensar que músicos como o trompeta principal da Chicago Symphony Orchestra saíron de escolas de música locais. Estas institucións non só forman músicos, senón que fortalecen o tecido sociocultural».
O concerto contará cunha asistencia estimada de 70 artistas no escenario, entre membros da Escola de Música e A Requinta da Laxeira. O acceso será de balde, pero é necesario reservar entrada a través das redes sociais dos organizadores.
«A expectación é máxima. Queremos que o público disfrute, que vibren connosco e que compartan o sentimento de orgullo polas nosas raíces», dixo Chío. Rey pechou con palabras de agradecemento: «Gracias ao Concello de Vedra e a todas as persoas que fan posible isto. Este concerto é unha celebración da nosa cultura».
A entrevista completa, no seguinte enlace:
Escrito por Líder Redacción
concerto cultura Entrevista escola de musica Requinta da Laxeira santiago vedra
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)