Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, solicitará ao Concello a concesión da Medalla de Ouro da Cidade á ciclista compostelá Alejandra Neira, tras proclamarse campioa do mundo júnior en ruta e campioa de Europa júnior en contrarreloxo en menos de dúas semanas, uns éxitos aos que se suman os seus dous títulos de campioa de España.
Verea destacou que a deportista compostelá está facendo historia no ciclismo internacional e que os seus triunfos representan tamén unha extraordinaria noticia para o deporte feminino. “Alejandra está levando o nome de Santiago ao máis alto. Pero, ademais das medallas, hai algo especialmente importante: está abrindo camiño e demostrando a miles de nenas e mozas que elas tamén poden chegar onde se propoñan”, afirmou.
O líder popular subliñou que os éxitos de Alejandra son froito de anos de sacrificio, disciplina, constancia e superación, e incidiu na importancia de visibilizar e recoñecer os logros das mulleres deportistas.
“Cada medalla de Alejandra é tamén unha vitoria para o deporte feminino. Porque cada vez que unha muller chega ao máis alto, abre o camiño para que moitas outras poidan seguir os seus pasos”, sinalou Verea, quen destacou a necesidade de contar con referentes femininos que inspiren as novas xeracións e contribúan a avanzar na igualdade de oportunidades no deporte.
Neste sentido, Verea considera que a Medalla de Ouro da Cidade sería un recoñecemento non só á súa extraordinaria traxectoria deportiva, senón tamén ao exemplo que representa para as novas xeracións e á súa contribución á visibilidade e ao recoñecemento do deporte feminino.
Por este motivo, solicitará que se inicie o expediente para a concesión desta distinción e confía en que a proposta conte co apoio unánime de toda a Corporación municipal.
“Alejandra Neira xa é un referente para o deporte feminino e un orgullo para Compostela. Agora queremos que a súa cidade lle devolva, co seu máximo recoñecemento, unha pequena parte de todo o que ela nos está dando”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)