AD

Actualidad

VIDEO | O cantar colectivo do ‘Grândola, Vila Morena’ ateiga a praza da Música en Compostela

today26 abril, 2024

Fondo
share close
AD

25/04/2024 Máis de mil persoas responderon ao chamamento que o Auditorio de Galicia fixo á cidadanía para participar nun canto popular da composición de Zeca Afonso que se erixiu en himno da liberdade. A iniciativa encádrase nas actividades organizadas polo Concello de Santiago en conmemoración do 50 aniversario da Revolução dos Cravos.

A cidadanía compostelá desafiou a choiva deste 25 de abril para participar no canto colectivo do himno da liberdade. Foron máis de mil as persoas que responderon ao chamamento do Auditorio de Galicia para cantaren xuntas Grândola, Vila Morena na praza da Música en Compostela. A canción de José ‘Zeca’ Afonso volveu ser interpretada nos mesmos terreos onde tivo a súa primeira presentación pública, o 10 de maio de 1972 nun concerto promovido polo estudantado da USC. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, agradeceu presenza de «tantas persoas neste acto simbólico para celebrarmos os 50 anos dunha revolución que derrocou un réxime que xa levaba 48 anos en menos de 18 horas. Sen disparos, de maneira pacífica e con dous símbolos: ese cravo vermello que portamos hoxe e unha canción, o Grândola, Vila Morena, que nos xuntamos para cantar». Tras facer referencia á forza do movemento estudantil de Compostela nos 70, que motivou esa primeira presentación pública do Grândola na cidade, Sanmartín deu paso ao canto colectivo ao son de: «25 de abril, sempre».

Intervención da alcaldesa (foto de Manuel G. Vicente)

A iniciativa formou parte no programa de conmemoracións que o Concello de Santiago desenvolve como homenaxe ao 50 aniversario da Revolução dos Cravos, o movemento pacífico que puxo fin á ditadura salazarista e supuxo a volta da democracia a Portugal. O programa continuará ás 20.30 horas no Teatro Principal co concerto ’50 anos de abril’, un evento que promove a Associação José Afonso en Galiza (AJA Galiza) co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña. O recital reúne artistas de Galicia e da Lusofonía para celebrar a obra do Zeca e a súa pegada nas culturas galega e portuguesa. Abrirá a noite Couple Coffee, un dúo luso-brasileiro conformado por Luanda Cozetti e Norton Daiello que ofrecerán ao público asistente un espectáculo singular con novas sonoridades que van dende o hip-hop ao fado, pasando pola música africana. A seguir, tomarán o escenario do Teatro Principal Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido cunha proposta que afonda na figura e repertorio de Zeca Afonso dende unha perspectiva transgresora e contemporánea. Pecharán o concerto Nara e Manuel, o dúo compostelán integrado por Aldara Palmeiro e Manuel Lucas, que farán o público gozar da súa «canção de intervenção» nunha mestura de melodías galegas e do Zeca con bordóns, loops e outros elementos. A asistencia ao concerto é de balde até completar a capacidade da sala.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%