AD

Deportes

Volve o Xacobeo de Ximnasia Rítmica: II Torneo Internacional Viravolta – Joyería Jael

today13 noviembre, 2023

Background
share close
AD
  • A gran cita ximnástica galega celebrarase os días 18 e 19 de novembro no Multiusos de Sar, en Santiago de Compostela
  • Máis de 300 ximnastas participan na parte competitiva do evento Na Gala de exhibición estarán algunhas das mellores ximnastas do mundo, como a campioa mundial Daria Varfolomeev e integrantes da Selección Española
  • As entradas, que se venden xa na web www.clubviravoltasantiago.com, servirán para financiar os programas de Asanog en favor dos nenos con cancro
  • O director de Turismo de Galicia, o deputado provincial de Deportes, a concelleira de Deportes de Santiago o presidente da Federación Galega, o director de Jael Joyería e a presidenta do Club Viravolta presentaron hoxe a cita deportiva

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023. Medio milleiro de xoves atletas, entre elas primeiras figuras do panorama internacional, participarán os días 18 e 19 de novembro de 2023 no Xacobeo de Ximnasia Rítmica II Torneo Internacional VIRAVOLTA-JAEL e III Gala Internacional de Ximnasia Rítmica, que organiza no Multiusos Fontes de Sar o club Viravolta.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o deputado de Deportes da Deputación Provincial da Coruña, Antonio Leira; a concelleira de Deportes de Santiago, Pilar Lueiro; o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez; o director de Jael Joyería, José María Fernández; e a presidenta do Club Viravolta e directora do torneo, Wendy Rey, presentaron esta mañá en Compostela a cita deportiva, que estará amadriñada un ano máis pola olímpica española Carolina Rodríguez. O importe das entradas, que xa se poden  comprar en www.clubviravoltasantiago.com, destinarase ás actividades da Asociación de Nenos Oncolóxicos de Galicia, ASANOG.

Cita competitiva e exhibición de estrelas

A cita conta cun apartado competitivo (o sábado e o domingo polas mañás), no que participarán unhas 350 ximnastas de clubes de Galicia e do resto de España; e dunha gran gala (o sábado pola tarde) na que se poderán ver os exercicios dalgunhas das mellores especialistas do momento a nivel internacional. Longines e Jael Joyería, xunto co Xacobeo, son os patrocinadores principais da cita, que conta tamén co apoio de Deporte Galego da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. A presidenta do Viravolta, Wendy

Rey, destacou que a cita está favorecendo que a especialidade teña “cada ano máis adeptos en Santiago e en toda Galicia. Sempre é un luxo contar coas mellores deportistas, que dan un exemplo de superación ás rapazas que comezan na ximnasia”.

Estrelas internacionais na Gala do sábado

Neste sentido, Rey destacou a participación de estrelas como Daria Varfolomeev (Alemaña), Campioa do Mundo este curso e chamada a ser a gran dominadora da ximnasia rítmica mundial nos próximos anos. O presidente da Federación Galega, José Manuel Estévez, destacou que Varfolomeev “é un auténtico portento. Vela en directo, a ela e ao resto de ximnastas que estarán en Santiago, é un auténtico luxo”. Entre as participantes atópanse tamén Anastasia Simakova (Alemaña), Fanni Pgniczki (Hungría) ou Giorgia Galli. A Selección Española de rítmica achega tamén ás súas mellores competidoras: o conxunto sénior, clasificado para os Xogos de París 2024, e as actuacións individuais de Polina Berezina, Alba Bautista, Teresa Gorospe, Lucía González ou Cristina Korniychuk. No programa da gala haberá tamén espazo para o deporte adaptado, coa actuación de ximnastas con diversidade funcional.

Un evento “con gran proxección exterior”

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, indicou que a Xunta de Galicia “apoiará sempre eventos deste tipo, que teñen unha gran proxección exterior e axudan a desestacionalizar a demanda turística”. Merelles remarcou que a cita é posible grazas “á colaboración entre institucións e a un patrocinador privado, Jael Joyería, que tamén o foi do Xacobeo 21-22”. “Galicia conseguiu chegar este ano aos 5,7 millóns de visitantes, en boa parte grazas a festivais e eventos de calidade coma este”, dixo.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, quixo deixar claro que “este non é un torneo calquera. É un referente máis alá de Galicia e, detrás del, hai moito traballo. Non é doado reunir a este elenco de estrelas”, apuntou, destacando que “Compostela é o sitio ideal para unha cita deste tipo”.

Cita solidaria cos nenos oncolóxicos

Pola súa banda, a concelleira de Deportes de Santiago, Pilar Lueiro, animou ao público a acudir a unha cita que “traerá a Santiago a grandes figuras mundiais do deporte”. Lueiro puxo o acento na dimensión social do evento: “É especial para min que se lle dedique a recadación a Asanog. Hai que agradecer o traballo da organización”.

José María Fernández, director de Jael e tamén presidente de Asanog, destacou o feito de que a entrada do torneo se vaia destinar ás actividades desta asociación, que apoia a nenos e nenas pacientes oncolóxicos: “Máis alá do gran espectáculo que se poderá gozar na gala e da competición de clubs, esta cita ten un compoñente social que me satisfai dobremente”, explicou.

Na organización do torneo colaboran desinteresadamente numerosas empresas e entidades galegas e esta edición terá de novo unha vertente solidaria, posto que parte da recadación se destinará a financiar programas de apoio a nenos diagnosticados de cancro e as súas familias a través de ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia).

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%