Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 septiembre, 2026
O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, compareceu en rolda de prensa para explicar as modificacións da rede de transporte urbano no que ten que ver coa conectividade do Hospital Clínico e co lugar dos Tilos, no veciño concello de Teo. O edil reiterou que o novo contrato “mellorará sensiblemente as frecuencias e o servizo para o conxunto da veciñanza de Santiago, e tamén para os veciños e veciñas dos Tilos”.
Xan Duro sostivo que a configuración da nova rede de transporte ten como obxectivo “simplificar a rede, optimizar o servizo, e ofrecer unha maior cobertura territorial e máis frecuencias, e iso é aplicable a todas as novas liñas”. No caso concreto da liña 12, que se suprime no novo deseño, o concelleiro de Mobilidade explicou que esta ruta “foi concibida no ano 2003 como un reforzo da liña 6, coas mesmas paradas nos Tilos, e como tal funciona só en horario de mañá, de 7:15 a 15:00 horas, con seis viaxes de ida e seis viaxes de volta”. O ano pasado, apuntou, esta liña sumou 76.500 viaxes, fronte aos 1.992.800 da liña 6. Por este motivo, explicou o concelleiro de Mobilidade, “o noso obxectivo foi reforzar a liña 6, que é a máis utilizada da rede de transporte e da que se benefician non só os veciños e veciñas dos Tilos senón tamén os doutros barrios de Santiago, incrementando as súas frecuencias a 15 minutos”. Para iso, apuntou, “o que faremos é destinar máis autobuses a cubrir este servizo, dos 5 actuais pasaremos a 8”.
Conectividade co Hospital
O concelleiro de Mobilidade explicou que a veciñanza dos Tilos poderá seguir chegando ao Hospital Clínico “realizando un único transbordo gratuíto, ao igual que poderán facer todos os veciños e veciñas de Santiago”. Xan Duro defendeu que o novo contrato “reforza o servizo co CHUS”, con tres liñas que teñen este destino. Así, a liña 1 reduce as frecuencias actuais de 20 minutos a 15; e as liñas C2 e C4 terán unha frecuencia de 20 minutos fronte aos 40 minutos da circular que chega a día de hoxe ao hospital”. Ademais, as liñas 4 e 10 chegarán á Choupana, a 300 metros da porta de entrada do Hospital Clínico; e a liña 5 realizará prolongacións ao Hospital Provincial.
No caso concreto dos Tilos, explicou Xan Duro, os usuarios e usuarias poderán coller un autobús cada 15 minutos desde as 6:30 da mañá ata as 11 da noite; e realizar o transbordo coas liñas C2 ou C4, por exemplo, na estación intermodal, ou ben coa liña 1. Esas combinacións supoñen 88 ou 126 servizos diarios ao hospital, respectivamente, fronte aos 12 servizos diarios da actual liña 12.
O concelleiro de Mobilidade insistiu en que explicará todas as melloras na comisión de seguimento do convenio entre a Xunta, e os concellos de Santiago e Teo para a cobertura do lugar dos Tilos co transporte urbano de Santiago.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)