Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 mayo, 2026
Melide celebrará esta fin de semana a 34ª edición dunha cita declarada Festa de Interese Turístico Galego desde 2013, cun amplo programa de actividades para todos os públicos e coa vista posta en seguir ampliando a súa proxección fóra de Galicia
Melide xa ultima os preparativos para celebrar esta fin de semana a XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, unha cita declarada Festa de Interese Turístico Galego desde o ano 2013 que cada ano reúne milleiros de persoas arredor dos melindres, ricos e amendoados, os tres produtos máis representativos da tradición reposteira melidense.
A feira abrirá durante as dúas xornadas no Cantón de San Roque e volverá converterse no epicentro dunha celebración na que os doces tradicionais, a música e a animación nas rúas serán os grandes protagonistas.
Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, o concelleiro de Promoción Económica e segundo tenente de alcalde, Xosé Igrexas, reivindicou o valor cultural e identitario dunha celebración que “vai moito máis alá da gastronomía”.
“Somos o concello máis doce de Galicia”, afirmou o edil, quen lembrou que detrás destes doces tradicionais “hai todo un patrimonio e unha cultura”, vinculados aos antigos fornos da vila e a un saber facer transmitido de xeración en xeración.
Igrexas puxo especialmente en valor o carácter artesanal da repostaría tradicional de Melide, elaborada aínda hoxe polas históricas casas reposteiras da vila. Ademais dos coñecidos melindres, destacou tamén a singularidade dos ricos —“un doce que só se fai aquí en Melide”—, caracterizados pola súa forma alongada e pola súa dureza exterior. Sobre os amendoados, Igrexas explicou que a súa orixe está ligada ao antigo convento franciscano de Melide e á tradición doce vinculada historicamente ás elaboracións relixiosas.
A programación desta edición incorpora máis propostas ao longo de toda a fin de semana co obxectivo de que veciñanza e visitantes poidan “pasar unha fin de semana en familia”. Neste sentido, o responsable municipal subliñou a importancia de complementar a feira con actividades paralelas e animación constante nas rúas.
Entre as propostas destacadas figuran o obradoiro doce “Coas mans na masa”, impartido por Mary Mosteiro; a maridaxe de viños e doces con Martín Ribeirao; ou “Melide en petiscos: saborosa memoria da tradición doce”, a proposta gastronómica que ofrecerá Manuel Garea, profesor de cociña e pastelaría. A programación completarase con pasarrúas, música tradicional, charangas e o concerto final da cantante galega Sabela.
Igrexas destacou tamén a aposta da festa por actividades pensadas para diferentes xeracións, entre elas o concerto tributo “Lembra Xabarín”. “Queremos que as novas xeracións saiban esa tradición”, sinalou durante a entrevista ao referirse a unha proposta inspirada no icónico Xabarín Club da TVG.
Outro dos momentos centrais da celebración será o pregón oficial e o nomeamento dos novos Embaixadores do Melindre. Nesta edición, o xornalista da Radio Galega Xosé Luis López Vila será o encargado de pronunciar o pregón e tamén recibirá esta distinción, xunto coa xerente de ASETEM, Pilar López López, e coa Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM).
Sobre o pregoeiro, Igrexas destacou especialmente a vinculación persoal e familiar de López Vila con Melide, ademais do seu labor de difusión da vila a través da súa traxectoria profesional nos medios públicos galegos.
Durante a entrevista, o edil explicou que estas distincións aos Embaixadores do Melindre buscan recoñecer “aquelas entidades ou persoas que en algún momento, pola súa traxectoria profesional ou persoal, se involucraron na promoción tanto de Melide como dos doces tradicionais”.
No caso de Pilar López e ASETEM, destacou ademais a estreita colaboración que manteñen co Concello nas diferentes accións de promoción comercial, hostaleira e turística da vila.
O responsable de Promoción Económica incidiu tamén no impacto económico e turístico que ten a festa para Melide. “A repercusión para a hostalaría e o comercio é moi importante”, destacou durante a entrevista ao referirse á chegada de milleiros de visitantes durante a fin de semana.
Ademais, lembrou que a declaración de Festa de Interese Turístico Galego “marcou un antes e un despois” na evolución da cita e permitiu ampliar tanto a programación como a súa visibilidade exterior. Nesa liña, Igrexas explicou que o Concello continúa levando a marca da Festa do Melindre fóra de Galicia a través de diferentes accións promocionais. “A Festa do Melindre xa transcende máis alá da comunidade autónoma”, afirmou, facendo referencia a iniciativas desenvolvidas no País Vasco e ás previstas en lugares como Xenebra ou Canarias.
O edil destacou tamén a presenza da festa en espazos de promoción turística como FITUR e o traballo conxunto que se está desenvolvendo desde a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, da que é vicepresidente, para impulsar a gastronomía como un dos sinais de identidade do Camiño de Santiago. Ademais, Igrexas sinalou que o obxectivo de futuro pasa por conseguir a declaración da Festa do Melindre como Festa de Interese Turístico Nacional.
A XXXIV Festa do Melindre celebrarase os días 9 e 10 de maio cun amplo programa de actividades pensado para todos os públicos e co obxectivo de seguir consolidando Melide como referente da repostaría tradicional galega. A programación completa pode consultarse en festadomelindre.gal
Escrito por Líder Redacción
34 Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional festa do melindre Festa do Melindre Melide melide xose igrexas



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)