AD

Actualidad

“50 Anos Aló” regresa este sábado a San Martiño Pinario cunha homenaxe ás mulleres emigrantes do barrio

today5 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • Falamos con Carmen Rabuñal, presidenta da Asociación Cultural San Martiño Pinario, sobre a programación da 13ª edición dunha cita que volverá trasladar o barrio a 1976 con música, xogos populares, maxia, exposicións e actividades gratuítas para todos os públicos

A Praza de San Martiño Pinario volverá converterse este sábado nun auténtico túnel do tempo coa celebración da 13ª edición de “50 Anos Aló”, unha das festas máis singulares do calendario compostelán. Organizada pola Asociación Cultural San Martiño Pinario, a cita fará viaxar veciños e visitantes ata 1976 a través da música, os xogos populares, o baile, a maxia e a recuperación da memoria colectiva do barrio.

A presidenta da asociación, Carmen Rabuñal, explicou en Radio Líder Santiago que a entidade naceu co obxectivo de revitalizar a vida social e cultural dunha zona da cidade histórica que durante anos quedaba fóra de boa parte das actividades organizadas no centro de Compostela. “Queríamos facer cousas polo barrio”, lembrou Rabuñal, que explicou que moitas iniciativas remataban na Praza de Cervantes e apenas chegaban ata San Martiño Pinario. Daquela reflexión xurdiu unha asociación que hoxe supera os 500 socios e que organiza ao longo do ano numerosas actividades para persoas de todas as idades.

Un recoñecemento ás mulleres emigrantes do barrio

A principal novidade desta edición será o recoñecemento a un grupo de veciñas vinculadas á hostalaría da zona, que este ano protagonizan o cartel oficial da festa. As protagonistas son Preciosa, do Hostal Moure; Victoria, do Girasol; Carmen, do Restaurante Rey; Dulce, do Abril Ares; e Avelina, do Forest, cinco veciñas procedentes do Val do Dubra. “Saíron das súas casas cando tiñan 6 ou 7 anos”, lembrou Carmen Rabuñal. Todas emigraron a países como Francia, Suíza ou Alemaña e, tras formar alí as súas familias, acabaron regresando a Santiago, onde desenvolveron a súa vida laboral e persoal. A presidenta da asociación definiunas como “traballadoras, emigrantes, nais e esposas, todas dedicadas ao seu traballo”. A súa historia converteunas este ano na imaxe de “50 Anos Aló”, nun cartel obra da veciña e deseñadora Sara Romero.

O recoñecemento esténdese tamén a Carmen, dos Sobriños do Pai; Carmen, do Dubrés; e á lembrada Sara, do Polo Norte, sempre presente no recordo dos veciños. “Creo que as homenaxes hai que facelas en vida”, sinalou Rabuñal.

Como complemento desta iniciativa, o sábado 13 de xuño, ás 18:00 horas, celebrarase un roteiro polos negocios vinculados a estas veciñas, durante o que compartirán as súas experiencias de emigración, traballo e regreso a Compostela. A actividade partirá da Porta da Pena, fronte ao Hotel Costa Vella, e rematará cunha pequena foliada.

Música, xogos e actividades para todas as idades

A programación de “50 Anos Aló” arrancará este sábado ás 11:30 horas coa animación da Charanga Compostela Band, que volverá aparecer en distintos momentos da xornada.

Ás 12:15 horas será a quenda da Rumboia da Troia, cun popurrí inspirado nos anos setenta. A continuación volverá a actuar a charanga antes de dar paso á tradicional sesión vermú co Dúo Élite, un dos momentos máis esperados da celebración. “A sesión vermú é un momento máxico”, asegurou Carmen Rabuñal, que destacou que é precisamente nese momento cando se producen moitos dos reencontros entre veciños que xa non viven no barrio pero que regresan cada ano para participar na festa.

Xa pola tarde desenvolveranse os tradicionais xogos populares, con carreiras de sacos, competicións de corda e o xa clásico torneo de tute. Tamén haberá espectáculos familiares a cargo de Odaiko, actuacións musicais de Os Alcántara, sesións de baile rock and roll e a participación do grupo ferrolán Nuevo Plan, encargado de poñer música ao tramo final da xornada con temas das décadas dos setenta, oitenta e noventa.

Photocall, maxia e memoria veciñal

Outro dos grandes atractivos volverá ser o tradicional photocall temático, convertido xa nun dos sinais de identidade da festa. A organización anima aos asistentes a acudir vestidos coa estética dos anos setenta. “Todo o mundo está esperando ver con que sorprendemos este ano”, destacou Carmen Rabuñal sobre un dos espazos máis agardados da xornada. Ademais, o Museo Casa da Troia abrirá as súas portas con entrada gratuíta para todas aquelas persoas que acudan caracterizadas da época.

A programación incluirá tamén actividades organizadas polo Museo da Maxia, con espectáculos nos escaparates e actuacións especiais en distintos espazos do barrio ao longo da tarde.

Entre as propostas máis destacadas figura igualmente a exposición “E aquí vivían”, instalada nun dos pasadizos situados xunto á Igrexa de San Miguel dos Agros. A mostra reúne fotografías cedidas por familias da zona e permite descubrir como era a vida en San Martiño Pinario hai cincuenta anos, recuperando historias, rostros e escenas da memoria colectiva do barrio.

Con todas as actividades gratuítas e coa colaboración de numerosos establecementos, entidades e voluntarios, “50 Anos Aló” volverá converter San Martiño Pinario nun gran punto de encontro para veciños e visitantes arredor da música, a memoria e a identidade do barrio.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *