Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 mayo, 2026
A Marcha Cicloturista BTT Arzúa Destino Verde celebrou este domingo unha exitosa segunda edición, consolidándose como unha das citas deportivas e de promoción do territorio máis destacadas do municipio. A xornada reuniu preto de 400 participantes nun ambiente marcado polo deporte, a natureza, a convivencia e o gran ambiente vivido durante toda a mañá.
O bo tempo acompañou ao longo de toda a proba, permitindo que os participantes desfrutasen dos diferentes percorridos e das paisaxes do municipio nunha xornada pensada para gozar da bicicleta dun xeito non competitivo.
Nesta edición, a proba estreaba ademais unha nova distancia intermedia de 49 quilómetros, incorporada co obxectivo de seguir abrindo a cita a todo tipo de públicos e niveis, sumándose así aos percorridos de 32 e 70 quilómetros.
A programación completouse tamén con actividades para a cativada, cunha Mini BTT e un inchable durante toda a mañá, reforzando así o carácter familiar da cita.
Durante a xornada realizouse ademais a entrega dos premios dos diferentes sorteos levados a cabo entre as persoas inscritas, así como un recoñecemento ao club máis numeroso participante, que nesta edición foi Arzúa Bike.
A concelleira de Turismo de Arzúa, Begoña Balado, destacou a boa acollida da cita e o ambiente vivido ao longo da mañá. “Foi unha xornada marabillosa na que volvemos ver Arzúa chea de deporte, ambiente ciclista e persoas desfrutando do noso entorno. Estamos moi satisfeitos coa resposta dos participantes e xa nos poñemos a traballar na terceira edición”, sinalou.
A Marcha Cicloturista BTT Arzúa Destino Verde estivo organizada pola Concellería de Turismo de Arzúa e contou co apoio da Deputación da Coruña, así como coa colaboración de diferentes empresas, entidades e persoas colaboradoras que quixeron sumarse a esta cita.
Escrito por Líder Redacción
arzua Arzúa destino verde btt arzua destino verde Concellería Turismo Arzúa Marcha cicloturista Arzúa



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)