AD

Comarca

A Feira da Sidra da Estrada pulveriza todas as marcas de participación, afluencia e litros escancia

today8 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • Con máis litros, máis vasos, máis lagares e máis metros de barra que nunca, a resposta masiva do público volve esgotar existencias.

A Estrada, 6 de xuño de 2026.- Se unha imaxe vale máis que mil palabras, a estampa da Praza da Constitución neste mediodía describía á perfección a dimensión acadada pola Feira da Sidra da Estrada, que volveu superar todas as súas marcas para vivir xustamente o que prometía: unha edición de récord.

Xa dende a apertura, ás 12.00 horas, a resposta do público foi masiva. Partindo con máis da metade dos 4.000 vasos conmemorativos desta décimo terceira edición distribuídos na venda anticipada, non é de estrañar que a última hora da degustación matutina quedasen poucas unidades por vender. Pola tarde non houbo máis remedio que tirar de vasos doutras edicións, para seguir escanciando sidra ata última hora da tarde.

Cómpre lembrar que este ano foron 5.000 litros os previstos para esta cita, 1.000 máis que o ano anterior. Aínda así, a masiva afluencia permitiu adiviñar dende ben cedo que a resposta ía superar todas as previsións.

A representación institucional foi ampla para un evento que consolida á Estrada como a capital sidreira galega. A conselleira de Medio Rural, María José González, visitou a mostra ao mediodía. Estivo acompañada polo alcalde, Gonzalo Louzao Dono, no seu percorrido por cada un dos diferentes lagares participantes, chegados de España, Portugal, Letonia, Chequia e Francia. Con eles estivo tamén o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, entre outros representantes autonómicos e locais. Xuntos, foron saudando e probando as sidras dos lagares e intercambiando impresións cos participantes, máis numerosos que nunca e distribuídos nunha barra que, por vez primeira, acadou os 80 metros.

O tempo acompañou durante toda a celebración, favorecendo con agradable temperatura que dende a apertura das instalacións o recinto rexistrase unha asistencia constante de visitantes. A degustación matutina desenvolveuse ata as 15.00 horas e as propostas culinarias dunha decena de establecementos hostaleiros (en formato ración e tapa) serviron de maridaxe para os caldos locais, nacionais e internacionais.

A representación da sidricultura estradense correu por conta das sidras Peroja, Rabiosa, Camino, López Pampín e A Casa da Sidra. Todos eles aproveitaron o gran escaparate que brinda a Feira da Sidra para seguir promovendo a produción local.
A zona de degustación tranquila, de uso preferente para persoas maiores e nenos, resultou todo un acerto e fixo que a festa se estendera tamén pola alameda municipal.

De tarde

No apartado musical, Galifunk e a Señora DJ puxeron a banda sonora á mañá, reservándose a tarde para Son das Tabernas. Porén, antes de que arrancase a degustación de tarde a música e o ambiente festivo continuou da man do “tardeo” da Rua Serafín Pazo, interrompido cando arrancou novamente a degustación na Praza da Constitución.

O primeiro acto da tarde foi o do recoñecemento ao consorcio vasco Sagardoaren Lurraldea, a quen este ano a Asociación Maceira e Sidra quixo entregar o Grolo de Ouro, distintivo co que cada ano se homenaxea na Estrada a persoas ou colectivos que destacan pola súa traxectoria e polo impulso ao sector sidreiro. A encargada de recoller o galardón foi a xerente da entidade, Leire Alkorta.

Pola tarde sumouse ao evento o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, que quixo estar presente na feira e asistir á entrega do Grolo de Ouro.

Antes mesmo de que rematase a presente edición da Feira da Sidra, a organización (Maceira e Sidra e o Concello da Estrada) realizaba xa unha positiva valoración da convocatoria, agradecendo a implicación dos lagares participantes e de todas as persoas que contribuíron a facer posible unha edición de récord. “A Feira da Sidra non deixa de sorprendernos e de demostrarnos cada ano que seguimos indo a máis”, apuntaron.

Os resultados acadados, que se valorarán máis polo miúdo nos vindeiros días, reforzan o posicionamento da Feira da Sidra da Estrada como unha das grandes referencias do calendario gastronómico e turístico galego, ademais de situar ao municipio como unha cita indispensable para o sector, dentro e fóra de Galicia.

Os primeiros datos de participación avalan o traballo realizado nestes anos e permiten encarar xa futuras edicións co reto de seguir medrando sen renunciar á calidade e á identidade propia que caracterizan este evento desde os seus inicios.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *