Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 julio, 2026
Skadelos vive un momento de crecemento. A banda do Carballiño vén de presentar Un vidón, o primeiro tema que plasma nas plataformas o son eléctrico que o grupo xa viña mostrando nos seus directos. «É a primeira presentación que temos como banda, en formato banda», explicou Dani, guitarrista da formación, durante unha entrevista en Radio Líder Santiago.
O grupo naceu como un proxecto acústico de tres integrantes, pero foi evolucionando ata unha formación de seis músicos con ventos, guitarras eléctricas, baixo e batería. Un cambio que tamén ampliou a súa proposta musical. «Non nos casamos con ningún estilo. Skadelos ten o seu rollo, é o que nos gusta e o que nos sae», sinalou Dani sobre un son que bebe do ska, do pop e do rock.
A publicación de Un vidón responde á necesidade de achegar as gravacións ao potente directo da banda. «A xente que nos viña ver dicía: “Pero isto non era o que escoitei”», lembrou o músico. Por iso decidiron acelerar a produción do tema e do videoclip, nun proceso «moi precipitado» e con «moito traballo por detrás», pero cun resultado que deixa o grupo «moi contento».
A canción pon o foco na amizade e nos pequenos momentos compartidos. «Para nós, ter un vidón é compartilo coa nosa xente, cos amigos e gozar do tempo libre», explicou Dani. «Un vidón non é que che toquen sete millóns e medio. É tomar un café ou unha cervexa cun amigo, ter saúde», engadiu.
A vitoria no concurso Onda Chicha supuxo un importante impulso para Skadelos. A final na Sala Capitol de Santiago xa era, para os integrantes da banda, todo un premio. «Xa chegar á Capitol era unha recompensa de sobra. Nós normalmente estabamos do outro lado do escenario vendo bandas», recoñeceu o guitarrista.
O triunfo permitirá agora ao grupo gravar un EP no estudio Garage Land, cunha posible publicación arredor do Nadal. «Queremos ir paso a paso, ir facéndonos», afirmou Dani. O obxectivo é continuar xirando e chegar preparados á configuración dos carteis dos festivais do próximo verán.
Skadelos tamén fai da defensa do idioma unha parte central da súa identidade. «Gústanos moito reivindicar o galego, o que é noso, o idioma. É algo do que estamos moi orgullosos», destacou o músico, convencido de que «a xente está aberta a escoitalo, entendelo e gozalo».
Coa mirada posta nos escenarios galegos, a banda non agocha un dos seus grandes soños: tocar en Revenidas. «É o noso festival de referencia, o festi ao que máis queremos ir algún ano», confesou Dani.
Mentres ese momento chega, Skadelos continúa sumando concertos, preparando novo material e consolidando unha proposta que busca conectar co público desde o primeiro minuto. «Queremos ir paso a paso», insiste a banda. Con Un vidón, ese novo camiño xa comezou.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)