Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 julio, 2026
O Concello de Rianxo vai licitar o contrato de subministración de enerxía eléctrica das instalacións municipais, unha actuación que permitirá ao Concello regularizar a situación actual do servizo e a través da cal se prevé reducir en aproximadamente 100.000 euros o gasto anual en electricidade.
O contrato, tramitado a través do Acordo Marco da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), terá unha duración inicial dun ano e un custo de 514.821,65 euros (IVE incluído).
A actuación súmase ao plan de revisión do servizo impulsado polo Executivo de Julián Bustelo e grazas ao cal xa a factura eléctrica baixou nuns 200.000€ nestes últimos tres anos.
O contrato formalízase a prezo fixo, cunha vixencia dun ano, o que garante a estabilidade do custo do subministro durante todo o período.
Esta contratación enmárcase no sistema de compra centralizada da FEMP, ao que o Concello das Rianxo está adherido desde fai uns meses. En palabras de José Alberto Angueira, concelleiro de Obras e Servizos, “a licitación do subministro eléctrico municipal é un proceso complexo que require meses de tramitación. Tras un estudo comparativo das condicións ofrecidas polas empresas do mercado, e analizado o concurso nacional impulsado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), optamos por sumarnos a este acordo marco que permite ás entidades locais acceder a prezos máis competitivos e simplificar os procedementos administrativos, garantindo ao mesmo tempo a transparencia na contratación pública.”
Con este novo contrato, o Concello de Rianxo reforza a súa aposta por unha xestión eficiente e responsable dos recursos económicos combinando seguridade xurídica transparencia nos procesos de contratación co aforro económico, “empregando eses cartos que se utilizaban para o subministro eléctrico noutros servizos públicos e necesidades do municipio”, remarca Angueira.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)