AD

Comarca

Boiromotos 2026 encherá o Parque da Cachada de motor, exhibicións e música

today22 julio, 2026

Fondo
share close
AD

O Parque da Cachada será o escenario, os días 24, 25 e 26 de xullo, dunha nova edición da concentración moteira Boiromotos 2026, organizada polo Motoclub Boiromotos coa colaboración do Concello de Boiro. O evento ofrecerá durante toda a fin de semana un amplo programa de actividades para persoas inscritas e público en xeral, con exhibicións, exposicións, actividades infantís, música e gastronomía.

A programación arrancará o venres 24 ás 17.00 horas coa apertura das inscricións e a instalación de inchables. A xornada incluirá adestramentos de coches radio control Crawler a cargo do Club Barbanza 4×4 Sport RC, unha exhibición de enduro con motos vintage e, pola noite, cea para as persoas inscritas e unha verbena amenizada por DJ MaikStyle, DJ Matrek e DJ Goro.

O sábado 25 concentrará boa parte das actividades. A partir das 11.00 horas abrirá unha exposición de motos oldies e clásicas organizada por Old School Galician e Arousa Team, que contará ademais cun espazo reservado para Ducati con motivo do seu centenario. Ao longo do día desenvolveranse cursos de seguridade viaria para nenos e nenas, exhibicións e probas de coches radio control, xogos, inchables, concursos de motos oldies e clásicas e unha mexilloada.

Un dos momentos máis agardados chegará ás 19.30 horas coa exhibición de stunt protagonizada polo piloto Emilio Zamora. A xornada rematará cunha nova cea para as persoas inscritas e unha verbena coa música de DJ Manu X, DJ Tito Maverick e DJ Places.

A concentración concluirá o domingo 26 cun almorzo para as persoas participantes, seguido dunha ruta libre con saída ás 10.30 horas e dunha comida de despedida prevista para as 14.15 horas.

Boiromotos consolídase así como unha das citas de referencia do calendario moteiro estival na comarca, combinando a paixón polas dúas rodas cun programa pensado para o desfrute de públicos de todas as idades.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *