Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 agosto, 2026
A Concellería de Turismo do Concello de Arzúa pon en marcha a segunda edición do programa «Arzúa Camiña», unha iniciativa consolidada dentro da estratexia #DestinoVerde, que convida á veciñanza e ás persoas visitantes a descubrir o territorio a través de sete andainas guiadas, gratuítas e adaptadas a distintos niveis físicos.
Tras o éxito da primeira edición, o programa regresa cun novo calendario que se desenvolverá entre os meses de setembro e outubro de 2026, percorrendo algúns dos espazos naturais, patrimoniais e paisaxísticos máis representativos do municipio.
As rutas estarán guiadas por persoal especializado, que achegará ás persoas participantes información sobre a historia local, o patrimonio cultural, a biodiversidade e os valores ambientais de cada itinerario.
A participación é gratuíta, pero será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Arzúa (Rúa das Dores, 3), no teléfono 981 50 80 56 ou no correo electrónico info@turismoarzua.gal, xa que as prazas son limitadas.
A concelleira de Turismo, Begoña Balado, destaca que «a excelente acollida da primeira edición animounos a continuar apostando por un programa que combina deporte, natureza e divulgación do patrimonio. Arzúa Camiña é unha oportunidade para coñecer o noso concello dunha forma saudable, sostible e respectuosa coa contorna, reforzando ademais a nosa identidade como Destino Verde.»
O programa dará comezo o sábado 6 de setembro cun percorrido polo Embalse de Portodemouros, unha ruta de 12,5 quilómetros, dificultade media e saída desde o propio embalse ás 09:00 horas.
A segunda cita será o 12 de setembro, coa Ruta das Corredoiras, un itinerario de 15 quilómetros, dificultade media e saída desde a Praza de Galicia (Arzúa) ás 09:00 horas.
O 20 de setembro celebrarase a terceira andaina, pola Fervenza das Hortas, cun percorrido de 17,5 quilómetros, dificultade media e saída desde a Capela de Fonte Santa ás 08:30 horas.
A cuarta proposta terá lugar o 26 de setembro, coa ruta da Ermida da Mota, de 11 quilómetros, dificultade baixa e saída desde a Capela da Mota ás 09:00 horas (haberá servicio de autobús dende a Praza de Galicia ata o punto de saída).
O ciclo continuará o 4 de outubro cun percorrido polo Val do Iso, de 12 quilómetros, dificultade baixa e saída desde a Praza de Galicia ás 09:00 horas.
A sexta andaina celebrarase o 11 de outubro, pola contorna de Fonte Santa, cun itinerario de 12,3 quilómetros, dificultade media e saída desde a Capela de Fonte Santa ás 09:00 horas.
Finalmente, o programa pecharase o 17 de outubro cunha ruta polo Camiño de Santiago (Boente – A Calzada), cun percorrido de 14 quilómetros, dificultade media e saída desde Boente ás 09:00 horas (haberá servicio de autobús dende a Praza de Galicia ata o punto de saída).
Como nas edicións anteriores, desde a organización recoméndase acudir con calzado cómodo, roupa axeitada á meteoroloxía, mochila, auga e algún alimento lixeiro. Tamén se lembra a importancia de respectar a contorna, seguir as indicacións da organización e gozar da actividade de forma responsable.
A segunda edición de «Arzúa Camiña» reafirma o compromiso do Concello de Arzúa cun modelo de turismo sostible, activo e de calidade, promovendo o coñecemento do patrimonio natural e cultural do municipio e fomentando hábitos de vida saudables a través do sendeirismo. Co lema «Descubre Arzúa paso a paso», o programa continúa consolidándose como unha das propostas de turismo de natureza máis destacadas do calendario local.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)