Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 agosto, 2026
Ames, 10 de agosto de 2026 – O programa “Ames en Festas”, que encadea as festas da Madalena e da Peregrina formando un cartel conxunto de 10 días de festexos dos dous principais núcleos poboacionais do concello, Bertamiráns e Milladoiro, puxo fin á súa quinta edición este domingo coa celebración da derradeira xornada da Peregrina de Bertamiráns. Tódalas xornadas do programa, que incluíu actividades e concertos para todos os públicos, contaron cunha gran afluencia de asistentes, consolidando así este programa conxunto. Na seguinte ligazón poderás atopar a galería de fotos completa.
Este domingo, día 9 de agosto, o “Ames en Festas 2026” viviu o seu peche coa derradeira xornada das festas da Peregrina de Bertamiráns. Por quinto ano consecutivo, Milladoiro e Bertamiráns celebraron de xeito conxunto as súas respectivas festividades, cunha programación que encadeou 10 xornadas festivas con actividades e propostas musicais para todos os públicos e gustos, buscando así que toda a veciñanza poida gozar das festas.
O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, subliñou que “Ames ten unhas festas para todas e todos, sen ideoloxía, que buscan dinamizar as nosas rúas e activar a economía da vila. A proposta que fixemos este ano en canto a cartel é difícil de igualar e máis difícil aínda de superar”.
Festas da Madalena
Un ano máis, o Millarock foi o encargado de dar inicio ás festas da Madalena no Milladoiro o pasado venres 31 de xullo. A XV edición do festival contou este ano actuacións de Sr Salvaje. Tentáculo Rock, Familia Caamagno, Extrema Función e Factoría de Subsistencia.
Ao longo das cinco xornadas dos festexos da Madalena, miles de persoas déronse cita no Milladoiro para gozar das diferentes actividades e música que houbo na localidade, como a festa infantil para os máis pequenos da casa ou as noites de verbena con algunhas das mellores orquestras de Galicia, coma Olympus ou o Dj Kike Varela.
Por outra banda, o encargado de realizar o pregón inicial das festas da Madalena este ano foi o presidente da SD Milladoiro, José Manuel Dacosta. A institución logou esta tempada un fito histórico tras lograr o título de liga cos dous equipos xuvenís, conseguindo os ascensos á Liga Galega (o Xuvenil A) e á Segunda Futgal (o Xuvenil B). Fitos que deron continuidade á boa liña que está a levar o club e que complementaron o ascenso do equipo sénior á Segunda Futgal na tempada 2024/2025
Festas da Peregrina
Por outra banda, Bertamiráns comezou as súas festas da Peregrina o mércores 5, uns festexos que se prolongaron ata este domingo, día 9. Ao longo destas xornadas, Bertamiráns tamén gozou dunha ampla programación cultural para todos os públicos. Algunhas das citas máis destacadas foron o concerto de De Ninghures no parque do Ameneiral o venres 7, ou a verbena coa orquestra París de Noia, o xoves 6.
Ademais, o parque do Ameneiral foi o lugar escollido para levar a cabo algunhas das iniciativas máis destacadas do programa. Por un lado, a segunda edición do Festival Emerxente, na que se deron citas novos artistas musicais de Ames e da súa contorna, como LG1do, Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss, ou a celebración dunha nova edición da Romaría Urbana, que contou con diversas actuacións musicais, postos para xantar ou obradoiros ao longo de toda a tarde do sábado 8 de agosto.
Pregoeiros 2026
Por un lado, o pregón inicial no Milladoiro correu a cargo do presidente da SD Milladoiro, José Manuel Dacosta. A institución logou esta tempada un fito histórico tras lograr o título de liga cos dous equipos xuvenís, conseguindo os ascensos á Liga Galega (o Xuvenil A) e á Segunda Futgal (o Xuvenil B). Fitos que deron continuidade á boa liña que está a levar o club e que complementaron o ascenso do equipo sénior á Segunda Futgal na tempada 2024/2025.
No caso de Bertamiráns, o pregón dae peche das festas da Peregrina correu a cargo de Isolina Martínez, a mestra filloeira de Ames. Isolina, de 87 anos e con experiencia na pequena pantalla ao ensinarlle a un chef de Canal Cocina a facer as sobremesas típicas do entroido, deu o discurso de peche das festas de Bertamiráns, unhas escolla que pon en valor a aposta pola esencia popular que envolve o ‘Ames en Festas’.
Festas inclusivas
Por outra banda, neste Ames en Festas tamén se contou cun horario de atraccións sen ruído, unha iniciativa para que as persoas con sensibilidade auditiva poidan gozar tamén das atraccións durante as xornadas festivas. Ademais de dita iniciativa, no Millarock, contouse con mochilas vibratorias, para as persoas con discapacidade auditiva, e cunha plataforma elevada con rampla, para as persoas con mobilidade reducida. Deste xeito, buscouse crear espazos adaptados para garantir que estas persoas puideran gozar dos concertos e das festas en condicións de igualdade.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)