Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 agosto, 2026
A Estrada, 29 de agosto de 2026.- O Concello da Estrada avanza na creación dun novo recinto de esparexemento na zona centro da capital estradense, na contorna popularmente coñecida como Carballeira de Melania. O goberno que encabeza Gonzalo Louzao chegou a un acordo cos propietarios dos 14 solares que conforman este espazo para dispoñer dos terreos mediante un arrendamento e destinalos ao uso público.
O Concello traballa xa na redacción do proxecto, cuxos detalles se darán a coñecer unha vez completado o deseño, previsiblemente durante o mes de setembro. A actuación abranguerá unha superficie aproximada de 6.000 metros cadrados, enmarcada polas rúas San Antón e Gradín, nunha zona céntrica que actualmente se atopa en desuso.
A pesar de tratarse de 14 solares, a negociación municipal implicou contactar cunha trintena de titulares diferentes. Segundo explicou o alcalde, alcanzouse un acordo con todos eles polo que o Concello abonará un alugueiro anual para poder destinar estes terreos á creación do novo recinto público.
A aposta pola Carballeira de Melania quedou xa reflectida nos orzamentos municipais de 2026, que incorporaron unha partida de 200.000 euros para impulsar a creación dun novo pulmón verde no centro da Estrada. A iniciativa pretende aproveitar as especies arbóreas existentes e abrir este espazo ao uso e desfrute da cidadanía.
Á espera de que o proxecto técnico concrete definitivamente a distribución da superficie, a intención do goberno local é combinar a zona verde cunha área destinada ao estacionamento público, situada na parte máis próxima á urbanización de chalés existente a carón da igrexa parroquial de San Paio.
O Concello tamén estudará a apertura do recinto á malla urbana que o rodea. Neste sentido, valorarase a retirada do muro que actualmente separa os terreos da rúa San Antón e que constitúe unha importante barreira visual entre a carballeira e o resto do casco urbano.
A futura zona verde conservará, na medida do posible, a estrutura natural do terreo. A actuación prevese como unha humanización respectuosa coa vexetación e co arborado existente, aproveitando especialmente as zonas de sombra para configurar paseos e espazos de estancia, que se completarán coa instalación de mobiliario urbano.
O proxecto técnico deberá resolver tamén aspectos derivados da propia configuración do terreo, como a pendente existente e as medidas necesarias para garantir a seguridade ante as diferenzas de nivel.
Louzao avanzou, ademais, que a intención municipal é dotar a Carballeira de Melania de accesos tanto desde Gradín como desde a rúa San Antón. Deste xeito, ademais de crear unha nova zona verde e de lecer no centro da vila, o futuro parque funcionará como unha conexión peonil entre estas dúas vías do casco urbano.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)