Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 mayo, 2026
O Concello da Estrada aprobará previsiblemente no pleno municipal deste mes de maio o seu primeiro Regulamento de Honras e Distincións, unha ferramenta que permitirá formalizar o futuro irmandamento co Concello de Rianxo e regular diferentes recoñecementos institucionais no municipio.
A iniciativa enmárcase no Ano Cultural Virxinia Pereira e busca reforzar os vínculos históricos e culturais entre ambas localidades a través da figura da estradense Virxinia Pereira e do rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O goberno municipal considera que este acordo servirá para divulgar e preservar conxuntamente o legado da parella.
O regulamento, que será debatido na sesión plenaria deste xoves, establece distintas distincións honoríficas para persoas e entidades destacadas. Entre elas figuran a Medalla do Concello da Estrada, os títulos de Fillo/a Predilecto/a e Fillo/a Adoptivo/a, o Salmón de Ouro, o recoñecemento de Ilustre Visitante ou a figura de Cronista Oficial da Estrada.
O texto tamén regula cuestións como a denominación de espazos públicos e a declaración de loito oficial, que poderá decretarse en situacións de especial transcendencia para o municipio.
Ademais, o pleno abordará outros asuntos de relevancia municipal, como a reversión ao Concello do antigo edificio xudicial da Estrada para facilitar o traslado provisional da Unidade de Atención Temperá, así como a corrección da nomenclatura do lugar da Pica, en Moreira, que aparece rexistrado erroneamente como “A Pía”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)