Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 julio, 2024
09/07/2024 A praza Roxa será escenario o próximo 27 de xullo do Santiago Urban Fest, un festival pioneiro de música urbana que nace dos Orzamentos Participativos da área de Xuventude. A concelleira María Rozas presentou hoxe o programa, que se vai desenvolver en colaboración coa asociación Gallos del Norte. Preto dunha trintena de artistas participarán no SUF «mostrando o talento emerxente e diverso que temos en Galicia nun xénero musical que vai gañando adeptos e adeptas a nivel mundial».
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o Santiago Urban Fest, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Álvaro Pumares, da asociación Gallos del Norte. A tenenta de alcaldesa explicou que a celebración dun festival de música urbana con artistas emerxentes de hip hop, rap ou freestyle «foi a proposta que quedou en terceiro lugar nas votacións dos orzamentos participativos Compostela Decide, impulsados desde a área de Mocidade, por detrás do ciclo de cine ao aire libre que xa se celebrou hai uns días na Alameda».
A concelleira explicou que «o Santiago Urban Fest fará parte da programación das festas do Apóstolo que se coñecerá nos próximos días, dándolle protagonismo a un xénero musical que está asentado a nivel mundial, e no que Galicia tén moito que dicir a través de moitos artistas consolidados e emerxentes como os que veremos o día 27 na Praza Roxa». Rozas salientou que o evento «estará enmarcado nas festas do Apóstolo, atendendo a un xénero que non adoita ter grande protagonismo na programación, e contribuíndo tamén a descentralizalas».
Preto de 30 artistas
Álvaro Pumares, de Gallos del Norte, explicou que «o Santiago Urban Fest nace cun obxectivo claro que é darlle protagonismo a caras novas e artistas moi talentosos, que non teñen espazo nos moitos festivais que se celebran cada verán». Por iso, apuntou, «optamos por unha fórmula na que teremos moitos artistas, con menos tempo de actuación para cada un deles, amosando o potencial que temos en Galicia».
Así, do cartel do SUF forman parte preto dunha trintena de artistas diferentes que se atopan en pleno crecemento, e que en moitos casos contan xa cunha notable experiencia. Os encargados de abrir o festival serán Claudinho & Meiga Escarlata e DJ Affair, e tras deles actuarán Le33, Kue, O Pirata, Gapcloser, Was, Ibán, Shawn Frost, Kroser00, GFR, MKP, Entre Líneas, Gufi, Pauliti, Xosé Maseda, Sara OG, Daya, Sozat, Ser & Lima, Calles, Misoskatos, Lidia Chao, Marck e Sibe.
O SUF completaráse cun show de beatbox con loopstation, un show de baile hip hop, unha sesión de música urbana con Rey DJ, e unha actuación de GN Social, unha iniciativa pioneira de Gallos del Norte dentro da arte urbana, na que se traballa con persoas con necesidades especiais e en risco de exclusión social.
Álvaro Pumares, de Gallos del Norte, salientou «a diversidade do programa do SUF, no que participarán artistas emerxentes e no que terán tamén un gran protagonismo as artistas femininas e tamén as persoas en exclusión e con diferentes diversidades, porque o freestyle é un xénero de todas e para todas as persoas».
O SUF celebraráse desde as 15:00 ata as 23:00 horas na Praza Roxa, e a entrada será de balde.
Escrito por Líder Redacción
compostela radio lider santiago santiago santiago urban fest xuventude
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)