AD

Actualidad

A Rapa das Bestas de Sabucedo estuda cambios nos horarios pola previsión de calor extremo

today29 junio, 2026

Fondo
share close
AD

A Estrada, 29 de xuño de 2026. A previsión de temperaturas moi elevadas para a vindeira fin de semana levou ao Concello da Estrada, en coordinación coa Asociación Rapa das Bestas e Emerxencias A Estrada, a estudar posibles cambios nos horarios dos tres curros da Rapa das Bestas de Sabucedo co obxectivo de garantir a seguridade de asistentes e participantes.

Aínda que a decisión definitiva non se adoptará ata o xoves, cando se dispoña de predicións meteorolóxicas máis fiables, unha das opcións que se baralla é atrasar o curro do sábado ás 20.00 horas e adiantar os do domingo e do luns ás 11.00 horas, evitando así as franxas centrais do día, nas que se agardan as temperaturas máis extremas.

Os organizadores lembran que o Campo do Medio é un recinto de pedra, completamente exposto ao sol e no que se concentra un elevado número de animais, factores que incrementan a sensación térmica e o risco para as persoas asistentes.

O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, subliñou que a Rapa das Bestas é “unha celebración única e de enorme valor cultural e patrimonial”, pero incidiu en que a prioridade é adaptar o evento ás condicións meteorolóxicas cando estas poidan supoñer un risco para a saúde das persoas.

Mentres non se confirme se haberá modificacións no programa, a organización recomenda ás persoas que teñan previsto asistir aos curros ou participar na subida ao monte do venres que extremen as precaucións, manteñan unha hidratación constante, empreguen roupa lixeira, protección solar e gorra, e eviten exposicións prolongadas ao sol, prestando especial atención a nenos, persoas maiores e persoas con patoloxías previas.

O Concello lembra que calquera cambio nos horarios será comunicado a través das canles oficiais do Concello da Estrada, de Emerxencias A Estrada e da organización da Rapa das Bestas, ademais de recomendar seguir as actualizacións meteorolóxicas de MeteoGalicia e da AEMET.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *