Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 mayo, 2026
Será unha xornada aberta e chea de espectáculos, actividades e recursos lúdico-educativos para favorecer unha crianza positiva, creativa e en galego
Ao longo de todo o día, ademais dos espectáculos programados, haberá actividades e obradoiros abertos de xeito permanente, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, no patio do Pazo da Peregrina
O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, presentou a VII Festa do Apego, unha xornada aberta e chea de espectáculos, actividades e recursos lúdico-educativos para favorecer unha crianza positiva, creativa e en galego, que se celebrará o vindeiro sábado, 6 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Un espazo de encontro para familias, e tamén para docentes e outras persoas interesadas, no que o apego polo noso é protagonista.
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu a presentación da programación da VII Festa do Apego de Ames, que se celebrará o vindeiro sábado, 6 de xuño. Unha xornada de festa con música, teatro, xogos, obradoiros, contos e moitos máis recursos e actividades para gozar en familia con e desde a lingua. Será, precisamente, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns desde as once da mañá ata as oito e media da tarde.
A dita presentación acudiron e participaron o alcalde de Ames e tamén concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e a técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.
Foi o alcalde o que quixo resaltar que “o obxectivo deste proxecto é normalizar o idioma entre os máis pequenos e pequenas” e invitou a “deixar de ver o uso do noso idioma como algo raro e pouco habitual, principalmente na infancia”. O tamén concelleiro de Normalización Lingüística sentiuse orgulloso dunha “Festa do Apego que xa é tradicional en Ames”.
No canto da técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, esta sinalou que a Festa do Apego “é unha xornada enteira que ofrece ferramentas e recursos educativos para favorecer unha crianza en galego, onde o apego polo noso é o protagonista un ano máis”. En canto á disposición do espazo, “haberá unha zona habilitada durante todo o día, na que atopar recursos como contos, música, audiovisual, xogos…”. Tamén se ofrecerá “asesoramento personalizado para as familias que así o precisen neses momentos da crianza máis complexos: a chegada dun irmán ou irmá, deixar de usar o cueiro ou a falta dun ser querido”.
Programación da VII Festa do Apego
Ao longo da VII Festa do Apego, as persoas participantes poderán gozar de contos con música, xogos, concertos, teatro, clown, obradoiros, espazos de xogo, espazos de creatividade e espazos de recursos. Todo isto e moito máis para achegarlles ás familias recursos lúdicos e educativos que favorezan a transmisión da lingua e unha crianza positiva, creativa e en galego. Nesta ligazón pódese ver toda a programación da festa: Cartel da VII Festa de Apego de Ames.
Todas as actividades da xornada son de acceso libre e gratuíto, sen necesidade de inscrición previa. Se as circunstancias meteorolóxicas impedisen a realización das ditas actividades en exterior, estas trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns e á praza de Chavián.
Ao longo de todo o día, ademais dos espectáculos programados, haberá actividades e obradoiros abertos de xeito permanente, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, no patio do Pazo da Peregrina. A través destas propostas achegarase asesoramento personalizado ás familias sobre recursos lúdicos e educativos que poden ser útiles durante a crianza.
A festa abrirá ás 11.00 h e a primeira actuación, Este olliño pimpilín da compañía Inventi Teatro está prevista para ás 11.15 horas. Trátase dun espectáculo teatral para familias con crianzas de 0 a 6 anos que se mergulla na tradición oral galega e crea un espazo de encontro interxeracional a través da palabra, da música e do xogo. A proposta de Inventi Teatro ten como obxectivo ofrecer ferramentas para a transmisión da lingua galega dun xeito lúdico, favorecendo o seu uso no ámbito familiar e reforzando o vínculo emocional co idioma desde as primeiras idades.
Ás 12.30 horas chega Bosque, o primeiro musical da xornada da man de Mamá Cabra e Aurora Artes Escénicas. Neste divertido e participativo espectáculo musical e teatral, os animais e as plantas terán voz propia e canda eles aprenderemos a coidar os pequenos lugares naturais que cada quen ten ao seu carón para entre todos e todas contribuírmos a preservar a biodiversidade.
Pola tarde a festa volve abrir ás 16.30 h con espazos de xogo, de creatividade e de recursos. Ás 17.15 h chegarán As mil e unha, de Vero Rilo e Luís Iglesias, unha proposta de contos e música para familias con crianzas a partir de 4 anos que nos achegará dun xeito lúdico e divertido á figura e ao legado da protagonista das Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño, a través de conexións máxicas con personaxes como Circe ou Morgana.
As 18.30 horas será o momento máis agardado polo público rockeiro: Pakolas e Laura Romero tráennos, para esta edición da festa, o concerto As máis molonas ilustradas!. Será un espectáculo multisdisciplinar que recolle as cancións máis coñecidas de Pakolas ilustradas en directo por Laura Romero. Canda eles fartarémonos de rir, de bailar e de cantar.
Despois duns minutos para recuperar forzas, a festa pechará por todo o alto co novo espectaculasso de Brais das Hortas, Comisión de Festas. Este último concerto da tarde, cunha mestura de humor, música, clown e teatro, será 19.30 horas e nel o escenario converterase nun torreiro para encher o mundo de alegría e de risas compartidas.
Actividades permanentes abertas durante toda a xornada
Ademais dos espectáculos xa mencionados, ao longo de todo o día haberá actividades e obradoiros abertos de xeito permanente, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, no patio e no xardín do Pazo da Peregrina. Estas actividades son tamén espazos nos que as familias terán ao seu dispor xogos de mesa, xogos tradicionais, materiais naturais non estruturados, unha ampla variedade de contos e libros infantís e obradoiros para fomentar a creatividade.
Nestes espazos permanentes contaremos con Fabaloba, Pedras de Papel, Miudiño, Brazolinda e persoal do propio Servizo de Normalización Lingüística amesán para achegarnos ao programa Apego. Ademais, varias editoriais de referencia achegarán unha mostra das súas últimas publicacións para podermos estar ao tanto das novidades máis interesantes para pequenos e pequenas.
Así, no espazo de Recursos con Fabaloba atoparase unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza positiva e creativa en galego (contos, música, audiovisual, xogos…) e asesoramento sobre recursos atractivos para tratar temas clave na crianza.
No espazo creativo con Pedras de Papel, poderase participar en dous obradoiros abertos para fomentar a creatividade. Pola mañá desenvolverase o obradoiro Andar aos biosbardos, no que se crearán esculturas con cartón para darlles forma aos protagonistas dos contos. Pola tarde, terá lugar o obradoiro de Máscaras e cabezudos e nel elaboraranse pezas moi expresivas con bolsas de papel.
O espazo de xogo libre con Miudiño disporá de material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar o xogo libre e a creatividade das crianzas. Ademais, atoparanse xogos e xoguetes de sempre que se tornan nunha ilusión para a cativada e nun espazo de reencontro para as persoas adultas.
No espazo de xogos de mesa con Brazolinda estarán a disposición das persoas asistentes xogos atractivos e didácticos para todas as idades que axudan a desenvolver a capacidade de observación, comunicación e razoamento a través de adiviñas, matemáticas e xogos de agudeza visual, entre outros.
No espazo Apego atoparemos información sobre este programa de fomento do uso da lingua e sobre os recursos que pon ao dispor das familias. Ademais poderemos crear chapas e tatuaxes para que os nenos e as nenas leven un agasallo de lembranza.
Xantar de campo na carballeira do pazo
Das 14.00 ás 16.30 será o descanso para xantar e os espazos permanecerán pechados. As familias que queiran poden traer a súa comida e quedar a xantar na carballeira ou á sombra de calquera das árbores do xardín.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)