Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 octubre, 2026
O espazo semanal que pode escoitarse en Radio Líder Santiago reuniu a representantes de BNG, PP, PSOE e Compostela Aberta nunha tertulia marcada polos incidentes nas protestas contra Vox, as discrepancias sobre a actuación policial e un intenso cruzamento de reproches polas políticas de vivenda.
A crecente crispación política que acompaña a precampaña electoral trasladouse aos micrófonos de ‘Hai Debate’, en Radio Líder Santiago, nunha das tertulias máis tensas das últimas semanas. Iago Lestegás (BNG), Olaya Otero (PP), Sindo Guinarte (PSOE) e Xan Duro (Compostela Aberta) analizaron o clima previo ás eleccións do 29 de novembro, nun encontro que acabou derivando nun duro enfrontamento verbal, especialmente entre os representantes populares e nacionalistas.
O debate arrancou coa análise dos incidentes rexistrados na Coruña durante as protestas contra un acto de Vox e as posteriores mobilizacións convocadas en Galicia. Olaya Otero mostrou a súa preocupación polo clima de violencia e defendeu o dereito de todas as formacións políticas a expresarse libremente. «O que estamos vendo nas rúas, estes niveis de violencia, a min persoalmente entristéceme moito, pero preocúpame moitísimo máis», afirmou. A popular insistiu en que «todos os partidos, independentemente de que nos gusten máis ou menos, teñen dereito a celebrar os seus actos con liberdade e seguridade», ao tempo que defendeu a actuación policial.
Desde o PSOE, Sindo Guinarte asegurou que «condenamos de xeito rotundo e absoluto os actos de violencia», pero reivindicou igualmente o dereito constitucional de manifestación. O socialista lembrou que «a liberdade de expresión non consiste en deixar falar aos que pensan coma ti, senón precisamente aos que din cousas que a ti igual che desagradan». Pola súa banda, Xan Duro coincidiu na condena da violencia, aínda que pediu investigar as cargas policiais na Coruña, ao considerar que a intervención puido ser excesiva.
Iago Lestegás advertiu de que as próximas eleccións serán decisivas para o futuro dos dereitos sociais, a igualdade, a vivenda e o medio ambiente. «Non son unhas eleccións como calquera outras. Creo que nos xogamos moitísimo», afirmou o representante do BNG, quen alertou dun posible retroceso democrático se o PP e Vox chegan a gobernar. Xan Duro foi na mesma liña e cualificou a cita electoral como «unha campaña case constituínte», polas consecuencias que, ao seu xuízo, podería ter sobre o Estado do benestar.
A discusión alcanzou o seu punto máis intenso cando se abordaron as políticas de vivenda. Otero acusou ao Goberno local e ao BNG de poñer dificultades ás iniciativas da Xunta e cuestionou os resultados da declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado. Lestegás respondeu criticando a xestión autonómica e asegurou que «54 vivendas de promoción pública entregou a Xunta en Santiago entre 2009 e 2025».
O enfrontamento subiu de ton cando o nacionalista reprochou á representante popular que falase sen coñecer suficientemente a materia. «Falas de oídas. Dos temas de urbanismo e de vivenda falas de oídas», espetoulle Lestegás. Otero reaccionou inmediatamente e cualificou as palabras de falta de respecto. «Vou pedirlle, señor Lestegás, que me pidas desculpas», reclamou. Lonxe de rectificar, o concelleiro insistiu en que a popular non coñecía eses asuntos en profundidade, o que obrigou o presentador a intervir para intentar rebaixar a tensión.
A tertulia tamén abordou a influencia das redes sociais na polarización política. Lestegás advertiu da crecente normalización dos discursos de odio, mentres Guinarte afirmou que «o algoritmo é terrible, porque alimenta permanentemente o discurso do odio». Xan Duro responsabilizou aos partidos que, ao seu entender, están lexitimando posicións da ultradereita.
Na recta final, Olaya Otero volveu esixir desculpas a Lestegás, ao considerar que sufrira unha «falta de respecto brutal», e reiterou a necesidade de condenar a violencia e garantir a seguridade nos actos políticos. O representante nacionalista mantivo a súa posición e cuestionou as críticas do PP ao ton do debate.
O programa rematou sen achegamento entre as posturas, deixando unha imaxe que resume o momento político: unha tertulia convocada para analizar a crispación electoral que acabou converténdose nun exemplo da propia tensión que se está a vivir na precampaña.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)