Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 octubre, 2026
Ribeira, 27 de outubro de 2026. O goberno local de Ribeira deu un novo paso para solicitarlle á Xunta a devolución do terreo das Saíñas ao Concello co obxectivo de impedir a construción da residencia pública de maiores nas Saíñas facendo que a única opción para construír esa infraestrutura sexa o monte de San Roque. Ante esta situación o exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, advertiu de que esta decisión suporía illar as persoas maiores no medio do monte, nun espazo con pendentes, sen beirarrúas e sen transporte público.
“O PP de María Sampedro pretende expulsar e illar as persoas maiores no monte algo que a maioría da veciñanza de Ribeira rexeita de plano”, afirmou Pérez Barral durante a súa intervención no pleno, na que contrapuxo as condicións de accesibilidade das Saíñas coas dificultades que presentaría de San Roque.
O portavoz nacionalista lembrou que nas Saíñas existe unha parcela conectada co transporte público e co paseo de Coroso, na que xa se investiron 800.000 euros. Trátase, segundo explicou, dunha localización que permitiría ás persoas residentes saír pasear, relacionarse coa veciñanza e recibir as visitas das súas familias con normalidade, favorecendo a súa autonomía e integración na vida cotiá de Ribeira. “As persoas maiores son quen sacaron a diante as nosas familias e ergueron Ribeira co seu traballo e co seu esforzo, o mínimo que podemos facer por eles é darlles cariño e garantirlles coidados e un fogar que non os aparte”, manifestou.
Pérez Barral cuestionou as falacias empregadas polo Partido Popular para xustificar o cambio de localización e reclamou rigor e documentación que avalen a decisión. Aducen a posibles riscos de asolagamento pero se comparamos a situación da parcela das Saíñas, está a máis metros sobre o nivel do mar que a residencia do Malecón, que se sitúa a 3,20 metros por riba do nivel do mar. “Hai que ser rigorosos e sosterse en informes. Cando se toman decisións sen as garantías necesarias, as consecuencias poden ser moi graves”, advertiu, lembrando o caso da gasolineira de Xarás, cuxa licenza acabou derivando na demolición das instalacións e nunha posible responsabilidade económica de ata catro millóns de euros para o Concello.
Un ano despois da moción de censura, a residencia segue sen avances
O exalcalde tamén puxo o foco no balance do goberno local cando se cumpre un ano da moción de censura: “un ano despois, cal é o balance? Non hai terreo cedido á Xunta, non hai proxecto e tampouco aparece o orzamento nas contas da Xunta para 2027. O resultado é un atraso nunha infraestrutura que lle fai moita falta a Ribeira e á comarca da Barbanza”, denunciou. Advertiu de que apostar por San Roque implicaría volver iniciar os trámites desde cero, co conseguinte risco de prolongar durante anos a espera por unha residencia pública que considera imprescindible para atender as necesidades da poboación maior.
O BNG volve tender a man
Fronte a esta situación, o BNG ofreceuse novamente a colaborar para facer posible a residencia pública nas Saíñas que podería comezar as obras en poucos meses. Pérez Barral reclamou ao goberno local que retire a proposta de San Roque e convoque unha mesa de traballo conxunta na que participen o executivo municipal, os grupos da oposición e a Consellería de Política Social.
“Volvo tenderlle a man ao goberno local. Retiren a proposta de San Roque, sentémonos hoxe mesmo nunha mesa de traballo conxunta e vaiamos da man esixir á Xunta que constrúa a residencia pública nas Saíñas, onde xa se investiron os cartos e onde a veciñanza a necesita”, propuxo.
O portavoz nacionalista insistiu en que o obxectivo debe ser garantir un equipamento público accesible, integrado na vila e que permita ás persoas maiores manter os seus vínculos sociais e familiares. “A min e ao BNG sempre nos atoparán en todo canto beneficie a Ribeira e á súa veciñanza. A miña man segue e seguirá totalmente aberta”, concluíu o exrexedor.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)