AD

Comarca

Ames aproba a licitación da pavimentación de viarios en Biduído de Arriba por 185.104 €

today6 enero, 2025

Fondo
share close
AD

Ames, 6 de xaneiro de 2025.- A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras de pavimentación de viarios no lugar de Biduído de Arriba, por 185.104,42 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Ademais, a través do POS+ Adicional 2/2024 vaise executar a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; a senda dende A Ponte Maceira a Carballo; a mellora da seguridade viaria en Covas; e  o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música e de Protección Civil, situado en Aldea Nova.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do proxecto de mellora dos viarios no núcleo de Biduído de Arriba, situado nas inmediacións do complexo do colexio Alca. Esta obra, que está sufragada con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, conta cun orzamento base de licitación de 185.104,42 euros, e será executada con aglomerado e formigón.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a través do POS+ Adicional 2/2024 temos a posibilidade de executar catro novas obras, unha das cales é  a pavimentación de viarios no lugar de Biduído de Arriba. Este proxecto enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade”.

Características do proxecto

As actuacións que contempla o presente proxecto están encamiñadas á reparación e mellora da pavimentación de viarios en Biduído de Arriba. Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón HM-20 con mallazo sobre zahorra para a súa nivelación, previa demolición da superficie de firme existente. En ámbalas marxes disporase dunha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.

Para o resto dos viarios prevese, nunha superficie de viario de 860 metros cadrados de viario existente, así como 100 metros cadrados de sobreanchos tamén existentes, a extensión de 6 centímetros de aglomerado en quente previa reparación de focancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Nunha superficie de 690 metros cadrados proxéctase un paquete completo de firme con 10 cm de zahorra para a nivelación do camiño, 15 centímetros de grava con tratamento asfáltico semiprofundo a toda a superficie e a posterior extensión de 6 centímetros de aglomerado en quente. Todo elo previo acondicionamento da explanación.

Baixo o novo pavimento de formigón prevese a canalización de 320 metros de tubo de polipropileno Ø 400 mm SN-8 coa instalación de 16 arquetas con sumidoiro, 16 pozos, unha arqueta para colector con reixa e un total de 26 metros de canle de fundición dúctil con reixa clase D400, para a correcta recollida das augas pluviais. Para a rede de iluminación pública disporase en toda a actuación unha canalización de polipropileno de 90 milímetros de diámetro coas súas correspondentes arquetas.

POS+ Adicional 2/2024

O Concello de Ames dispón de 986.033,68 euros para a execución de novas obras co cargo ao POS+ Adicional 2/2024 da Deputación da Coruña. Con dita contía vanse executar catro obras (pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; senda dende A Ponte Maceira a Carballo; mellora seguridade viaria en Covas; e pavimentación de viarios en Biduído de Arriba), que xa están incluídas no Plan complementario ao POS+ 2024 e que suman un investimento de 731.866,86 euros, correspondente á primeira fase do POS+ Adicional.

Ademais, cos 254.166,82 euros restantes, vaise a sufragar o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música e de Protección Civil, situado en Aldea Nova, que están incluídos na segunda fase do POS+ Adicional. Este último proxecto foi aprobado no pleno ordinario do mes de xullo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *