AD

Actualidad

Ames avanza no desenvolvemento do polígono empresarial de Bertamiráns

today14 enero, 2025

Fondo
share close
AD
  • O alcalde, Blas García, e o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, veñen de reunirse coa directora xeral de Industria, Margarita Ardao, para establecer a folla de ruta do proceso

Ames, 14 de xaneiro de 2025.- O Concello de Ames vén de manter unha reunión en San Caetano coa Dirección Xeral de Industria con motivo de establecer a folla de ruta a seguir para o desenvolvemento do polígono empresarial de Bertamiráns. Nesta xuntanza o Concello comprometeuse a iniciar os trámites para a modificación do Plan Xeral para facer efectiva a nova delimitación do polígono.

Blas García, alcalde de Ames, e Víctor Fernández, concelleiro de Urbanismo, veñen de manter unha xuntanza coa directora xeral de Industria, Margarita Ardao, na que a administración autonómica se mostrou favorable a realización deste complexo e estableceu unhas directrices a modo de folla de ruta para que a tramitación do mesmo se realice do mellor  xeito posible. Nesta xuntanza acordouse que o concello de Ames inicie a tramitación para a modificación do PXOM co obxectivo de delimitar o polígono e se adapte ao plan sectorial autonómico no relativo ao sector de solo urbanizable de Portanxil-Pegariños.

O Goberno municipal leva traballando dende hai tempo para tratar de crear un novo polígono empresarial na contorna de Bertamiráns, situado na zona de Caroubáns, que se atopa próxima ao desvío da estrada AC-544 Bertamiráns – Negreira, dende o acceso norte por Bertamiráns da autovía Santiago-Noia.  O alcalde, Blas García, considera este proxecto como estratéxico e explica que, de lograr o seu desenvolvemento, vai supoñer un antes e un despois para  Ames e a súa contorna: “Somos un concello en continuo crecemento e este debe ser sostible. A creación desta área empresarial suporá o establecemento de empresas e a xeración de postos de traballo”.

A directora xeral aproveitou o encontro desta mañá para informar á delegación amesán que a Xunta vén de crear unha nova figura, a Zona de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (ZAPES), co obxecto de dar axilidade e facilidade a aqueles proxectos que precisan solo de maneira urxente. Os ZAPES permiten tramitar proxectos empresariais de maneira simultánea aos plans urbanísticos para crear pequenos polígonos á medida nun tempo que pasa dos dez anos de espera actuais a só un ano e medio, tal e como subliñou Margarita Ardao tras o encontro.

Existe un impreso para solicitar metros no futuro polígono

O Concello fixo público un impreso en outubro do ano 2024 para que todas aquelas empresas que queiran dispor de terreo no futuro polígono,acheguen información sobre a superficie que estarían interesadas en ocupar. Actualmente xa existe unha relación de empresas interesadas en establecerse neste complexo empresarial, cunha demanda de metros que xa supera 25% dos metros cadrados ofertados. Este trámite continúa aberto e as empresas interesadas en demandar solo deberán descargar o formulario nesta ligazón e presentalo por rexistro.

Datos urbanísticos

O futuro polígono de Bertamiráns terá unha superficie de máis de 300.000 metros cadrados. Esta área que linda ao leste e norte coa estrada AC-544 e une as localidades de Bertamiráns e Negreira, cunha parte do núcleo rural de Caroubáns. A marxe oeste correspóndese co remate do termo municipal e ao sur atopa o límite pola autovía Santiago-Noia e a súa área de afección. A nivel topográfico, dispón dunha pendente en dirección S-N que varía entre las cotas 85-125. O terreo actualmente ten unha clasificación urbanística, segundo establece a Lei do Solo vixente, de solo rústico coas afeccións establecidas polo plan básico autonómico.

Disporía de acceso dende a estrada AC-544 e estaría situado próximo á AG-56 Santiago – Brión. Contaría con seguintes usos autorizables: terciario, comercial, almacenaxe, transporte, industria nido lixeira. Deste xeito, prevese un polígono empresarial de carácter local cun vínculo co núcleo urbano de Bertamiráns debido a curta distancia. Non se prevé acollida para implantación de tipoloxías de implantación de industria pesada.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%