AD

Comarca

Ames consolídase como un dos municipios máis seguros de Galicia

today14 abril, 2026

Fondo
share close
AD

Blas García: “Un dos factores que explican o crecemento de Ames sen dúbida é a seguridade. Neste sentido quero destacar a gran labor que se realiza dende a Policía Local e dende o posto da Garda Civil do Milladoiro”

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, destacou que Ames presenta unha taxa de criminalidade de 28,73, moi inferior á media galega e estatal, e subliñou que estes datos son resultado da colaboración fundamental entre a Garda Civil e a Policía Local

Ames, 14 de abril de 2026.O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello de Ames xunto co alcalde, Blas García, nun encontro no que se analizaron en detalle os datos de seguridade do municipio e se trataron as principais liñas de actuación en materia de prevención e convivencia.

Durante a reunión, puxéronse en común os indicadores de seguridade, que reflicten que Ames conta cunha taxa de criminalidade de 28,73 delitos por cada mil habitantes, moi inferior á media de Galicia —segunda comunidade máis segura de España— e tamén por debaixo da media estatal, nun contexto no que España se sitúa entre os países máis seguros de Europa. Neste sentido, Julio Abalde destacou que “estes datos son froito do traballo constante e coordinado das forzas de seguridade, así como da implicación da administración local”.

O alcalde explicou que sen ningúnha dúbida “un dos factores que explican o crecemento de Ames sen dúbida é a seguridade. Neste sentido quero destacar a gran labor que se realiza dende a Policía Local e dende o posto da Garda Civil do Milladoiro”.

O subdelegado incidiu especialmente en que “é fundamental a colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local, que permite optimizar recursos, mellorar a capacidade de resposta e ofrecer un servizo máis eficaz á cidadanía”. Nesta liña, salientou que a coordinación operativa entre ambos corpos resulta clave para manter e mellorar os actuais niveis de seguridade no municipio.

Outro dos puntos centrais da Xunta Local de Seguridade foi o seguimento do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos, un programa impulsado polo Ministerio do Interior que reforza a colaboración entre a comunidade educativa e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. No caso de Ames, este plan é desenvolvido pola Garda Civil.

Ao longo do último curso, un total de seis centros educativos do municipio participaron en 56 actividades enmarcadas neste programa. Entre elas, 17 estiveron centradas nas tecnoloxías da información e a ciberseguridade, 14 no acoso e ciberacoso escolar, cinco nas adiccións como drogas e alcohol, outras cinco en discursos e delitos de odio, e o resto trataron cuestións como o uso responsable dos videoxogos e apostas, a violencia sobre a muller ou a prevención de delitos sexuais.

No conxunto da provincia da Coruña, o Plan Director acadou en 2025 un total de 49.028 participantes, dos que 45.762 foron estudantes, 2.000 docentes e 1.266 familiares, o que supón un incremento significativo respecto ao ano anterior, cun crecemento do 37% no alumnado, do 34% no profesorado e do 50% nas familias. A nivel autonómico, o programa sumou 155.738 participantes, polo que a provincia coruñesa concentrou arredor do 32% do total galego. En canto ás actividades, das 5.357 realizadas en Galicia, 2.313 tiveron lugar na provincia da Coruña, o que representa aproximadamente o 43%.

A reunión analizou tamén o balance das actuacións en materia de violencia de xénero, un ámbito no que as distintas administracións manteñen unha estreita colaboración institucional. O Concello de Ames está integrado no sistema VioGén, ao igual que outros 30 municipios da provincia, onde actualmente existen 2.653 casos activos, e está prevista a incorporación de seis novos concellos.

Neste contexto, destacouse tamén o esforzo realizado a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, do que o Concello de Ames recibiu desde 2018 un total de 126.993 euros, dos cales máis de 19.500 corresponden ao ano 2025.

Julio Abalde reiterou o compromiso do Goberno coa seguridade cidadá, a prevención e a protección das vítimas, e puxo en valor o traballo conxunto entre administracións e forzas de seguridade, incidindo novamente en que a cooperación entre a Garda Civil e a Policía Local constitúe un elemento esencial para seguir avanzando cara a contornas máis seguras e cohesionadas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *