Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceu a presencia de todas as entidades deportivas, as cales realizan un labor “non só de conciliación, senón que tamén xeran unha oportunidade para que os nenos e nenas sigan practicando e descubrindo novos deportes”
A edil tamén destacou que se trata “duns campus que teñen moi boa acollida” e para os que as instalacións municipais “sempre estarán abertas, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva”
Ames, 2 de xuño de 2026.- Ames acollerá ao longo deste verán un total de dez campus e campamentos deportivos, organizados por clubs e entidades deportivas locais e que contan coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Ames e da Deputación da Coruña. Nesta liña, a rapazada amesá poderá escoller entre varias propostas, que van dende fútbol, fútbol sala ou baloncesto, ata atletismo, patinaxe ou vólei. Pódese consultar o cartel completo na seguinte ligazón.
Nesta liña, esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación desta serie de propostas para verán.
A dita presentación asistiron a concelleira de Deportes, Susana Señorís; os técnicos do departamento de Deportes, Alberto Viaño e Iván Sanmartín; por parte do Bertamiráns FC, o presidente, Rafael Budiño, e o director da canteira do club, Juan Diego Rodríguez Rogido; en representación do Club Básquet Ames, José Luis Penas; o presidente do Club Voleibol Bruxas, Fernando Lizuain e o director técnico, Ossie Antonetti; en representación do RC Deportivo, o adxunto á coordinación dos Depor Campus, Adrián Vilas Martínez; por parte do Patinaxe Sarela, a súa presidenta, Celtia Pampín, e a directora do campamento, María Peña; a presidenta do CP A Omega, Jesica Pazos; o director deportivo do Ames Atletismo, David García; e por parte do F.C. Meigas e a EFS Trasgos, Paola Vignolo e Diego Montero.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceu a presencia de todas as entidades presentes, as cales realizan un labor “non só de conciliación, senón que tamén xeran unha oportunidade para que os nenos e nenas sigan practicando e descubrindo novos deportes”, destacou a edil. Uns campus aos que desexou “moi boa acollida” e para os que as instalacións municipais “sempre estarán abertas, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva”.
Campamentos de fútbol e fútbol sala
Nesta serie de campamentos de verán, o fútbol é o deporte que conta cun maior número de propostas. Haberá tres campus de fútbol campo e un de fútbol sala, que se desenvolverán durante os meses de xuño e xullo, con opcións para rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos.
En primeiro lugar, do 29 de xuño ao 3 de xullo e do 6 ao 10 de xullo desenvolverase o XIV Campus de fútbol Bertamiráns F.C., que se realizará de 8:00 a 15:30 horas. Está orientado á rapazada de entre 4 e 15 anos, e levarase a cabo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Para obter máis información e inscribirse pódese entrar na páxina web do club Bertamiráns FC.
Seguidamente, o VI Campus de Fútbol Milladoiro S.D., que se desenvolverá do 1 ao 31 de agosto, de luns a venres, e en horario de 10:00 a 14:00 horas. Está dirixido a menores de entre 4 e 16 anos e terá lugar no campo de fútbol municipal do Milladoiro. Para máis información pódese consultar a páxina web do Milladoiro SD.
Así mesmo, o R.C. Deportivo da Coruña organiza o seu campus de verán do 13 ao 17 de xullo, para nenos e nenas entre 6 e 14 anos. Desenvolverase no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, de 10:00 a 14:00 horas. Pódese obter máis información ou inscribirse escribindo ao enderezo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es ou a través da web do DeporCampus.
Por outra parte, volve un ano máis o Campus de Verán Santi Valladares, do FC Meigas e das EFS Trasgos. Desenvolverase en horario de 9:00 a 14:30 horas ou ata as 16.30 (neste caso co xantar incluído); do 22 de xuño ao 10 de xullo. Está orientado á rapazada de entre 5 e 16 anos, e desenvolverase no Pavillón Polideportivo Municipal de Bertamiráns. Pódese obter información visitando a páxina web do FC Meigas e realizar a inscrición a través da seguinte ligazón.
Campamentos de patinaxe
Ademais, os dous clubs de patinaxe de Ames manteñen un ano máis a súa oferta para os meses de verán. O campamento de verán de patinaxe do CP A Omega, dirixido a rapazada de 4 anos en diante, comezará o 1 de xullo, e desenvolverase ata o día 31 do mesmo mes. Será de 8:30 a 14:30 horas, con dúas quendas quincenais. Terá lugar no IES do Milladoiro e no pavillón municipal da localidade. Para máis información e inscricións pódese escribir a info@cpaomega.es.
Pola súa banda, o VII Campamento de verán Patinaxe Sarela desenvolverase en dúas quendas, a primeira do 15 ao 31 de xullo e, a segunda, do 1 ao 14 de agosto, ámbalas dúas en horario de 8:30 a 14:30 horas. Terá lugar no polideportivo de Bertamiráns, para nenos e nenas de entre 5 e 17 anos. Pódese obter máis información e realizar a inscrición a través do enderezo electrónico clubdepatinaxesarela@hotmail.com.
Campus de volei
Do mesmo xeito que o ano pasado, inclúese na programación o IV Campus de Volei Internacional, organizado polo C.V. Bruxas. Realizarase entre o 6 e o 10 de xullo, nestas datas con horario de 12.30 ata as 14.30 horas, e do 13 ao 17 de xullo, en horario de 9.30 a 12.30 horas. Esta proposta terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal de Bertamiráns e está dirixido para persoas de entre 11 a 20 anos. Para máis información, pódese escribir ao enderezo proyectjdb@gmail.com.
Campus de atletismo
O atletismo tamén aparecerá por partida dobre no verán amesán. Por un lado, o Campus de atletismo Ames Atletismo Savante ofrece unha opción para os nenos e nenas nados entre o 2012 e o 2022. Ofertaranse tamén dúas quendas. A primeira delas abarca do 22 ao 30 de xuño; e a segunda, os días do 31 de agosto ao 4 de setembro. O horario será de 8:30 a 14:30 horas e terá lugar no centro de lanzamentos de Biduído. Para obter máis información e realizar as inscricións pódese escribir ao enderezo amesatletismo@gmail.com ou consultar a páxina web do club.
Por outra banda, na oferta de campamentos de verán volverá a estar presente o XI Campus de Atletismo Millaraio, que ocupará en dúas quendas a área deportiva do Milladoiro. A primeira destas quendas vai dos días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño; e a segunda, do 31 de agosto ao 8 de setembro. O horario será de 8:30 a 14:30 horas. Diríxese á rapazada nada entre os anos 2013 e 2019. Pódese obter máis información ou realizar a inscrición pódese acceder á páxina web do Atletismo Millaraio.
Campus de baloncesto
Por último, a oferta de campamentos deportivos inclúe o IX Campus de verán Básquet Ames, que achegará o baloncesto aos mozos e mozas nados entre 2008 e 2019. O campus desenvolverase en dúas quendas, a primeira do 22 ao 26 de xuño, e a segunda do 29 de xuño ao 3 de xullo, ámbolos dous en horario de 09:00 a 17:00 horas, na área deportiva do Milladoiro. Para máis información e inscricións pódese consultar a web do Básquet Ames.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)