AD

Actualidad

O Monbus Obradoiro non puido frear o acerto do La Laguna Tenerife (106-76)

today25 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O Monbus Obradoiro regresaba a Tenerife tres anos despois para medirse a La Laguna Tenerife no Pavillón Santiago Martín. O conxunto galego comezou o encontro con boas sensacións, pero o acerto do equipo local foi decantando o partido ata o definitivo 106-76.

La Laguna Tenerife saltou á pista con intensidade e asinou un bo inicio, limitando o seu rival a dous puntos nos primeiros minutos e situándose cun 8-2 grazas a dous triplos. Os obradoiristas reaccionaron e, con Joel Soriano e Alex Barcello como protagonistas, o Monbus Obradoiro conseguiu darlle a volta ao marcador (8-10). A igualdade mantívose durante boa parte do primeiro cuarto, que concluíu cunha mínima vantaxe local (20-19).

O segundo período comezou cun novo pulo de La Laguna Tenerife. Un triplo de Fitipaldo, dous tiros libres e unha canastra de Kurucs desde a esquina ampliaron a diferenza ata o 28-19. Alejandro Galán abriu a anotación obradoirista neste cuarto e, coas achegas de Caleb e Leo Meindl, autor dun triplo, os visitantes conseguiron achegarse de novo no marcador (28-26). Porén, o conxunto tinerfeño volveu atopar continuidade en ataque e aumentou progresivamente a súa vantaxe ata acadar unha diferenza de 16 puntos antes do descanso (49-33).

Tras o paso polos vestiarios, o Monbus Obradoiro intentou reducir distancias, pero La Laguna Tenerife mantivo o seu ritmo ofensivo e respondeu aos intentos visitantes. A vantaxe local seguiu medrando ata acadar os 24 puntos, o que dificultou as opcións de remontada do conxunto galego. Malia os esforzos obradoiristas por cambiar a dinámica do encontro, os tinerfeños conservaron o control do xogo e pecharon o terceiro cuarto cunha ampla vantaxe (79-50).

Nos últimos dez minutos, o Monbus Obradoiro continuou buscando alternativas para reducir a diferenza, mentres La Laguna Tenerife prolongaba o seu acerto ofensivo. O conxunto local atopou no lanzamento exterior unha das súas principais armas, cun 58 % de acerto nos triplos, e mantivo tamén bos porcentaxes nos tiros de dous puntos. Co partido encamiñado, o equipo tinerfeño afrontou o treito final ante un pavillón entregado aos seus. O encontro concluíu cun 106-76 favorable a La Laguna Tenerife.

Ficha técnica

106 – La Laguna Tenerife: K. Guy* (10), J. Fernández (16), W. Van Beck (13), B. Fitipaldo* (11), M. Huertas (14), J. Segui (5), G. Shermadini (4), T. Abromaitis* (10), V. Hunter* (6), H. Alderete* (1), A. Doornekamp (9), A. Kurucs (7).

76 – Monbus Obradoiro: B. Childress* (3), E. Abogidi* (0), C. Agada (6), F. Dos Anjos (1), L. Meindl (19), J. Soriano* (16), Y. Barrueta* (3), D. Brito (5), S. Quintela (4), A. Barcello* (12), A. Faure (0), A. Galán (7).

Cuartos: 20-19, 49-33 // 79-50, 106-76.

Árbitros: Carlos Peruga, Raúl Zamorano e Esperanza Mendoza.

Incidencias: Partido correspondente á quinta xornada da Liga Endesa, disputado no Pavillón de Deportes de Tenerife Santiago Martín, na Lagoa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *