Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Arzúa, 4 de agosto de 2026. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza unha nova edición do ciclo de concertos En Aberto, integrado na programación cultural de verán. Ao longo do mes de agosto celebraranse catro actuacións ao aire libre na Praza de Galiza, todas elas ás 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta.
A programación arrincará este xoves, 6 de agosto, coa actuación de Sun Iou, unha banda galega nacida na área de Vigo e formada por oito integrantes que combina rock, electrónica e tradición nunha proposta enérxica e contemporánea. Co galego como lingua de creación e catro voces femininas á fronte, o grupo ofrece un directo intenso no que conviven guitarras potentes, percusión, electrónica e instrumentos tradicionais.
Tras a publicación do seu primeiro traballo, Agora (2024), Sun Iou presenta EGOS (2026), un álbum que afonda nas tensións entre o individual e o colectivo a través dun son máis directo e contundente. A produción do disco corre a cargo de Peter Petrowski.
O ciclo continuará o 13 de agosto coa actuación de Black, unha banda coruñesa que celebra dez anos sobre os escenarios levando ao público un percorrido polos grandes éxitos da música soul e pop máis bailable. O seu repertorio inclúe clásicos de artistas como Donna Summer e Whitney Houston, así como temas máis recentes de Justin Timberlake ou Bruno Mars.
O 20 de agosto será a quenda de Os Liantes, formación folk que fusiona a forza das gaitas e da percusión tradicional cunha ampla instrumentación moderna, integrada por saxofón, bouzouki, violín e guitarras acústica e eléctrica. O resultado é un espectáculo dinámico, participativo e pensado para facer bailar ao público.
O peche desta edición de En Aberto chegará o 27 de agosto da man de Pepe Piña y Los Robinson, que ofrecerán un concerto cun repertorio dedicado aos grandes éxitos musicais das décadas dos setenta e oitenta.
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima á veciñanza e ás persoas que visiten Arzúa durante o verán a participar nesta proposta cultural. Segundo destacou, “este ciclo de concertos ofrece unha ampla variedade de estilos e unha gran calidade musical, co obxectivo de chegar a todos os públicos e converter as noites dos xoves de agosto nun punto de encontro arredor da música en directo”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)