Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Arzúa, 7 de maio de 2025. Como mostra do compromiso continuo co fortalecemento dos lazos internacionais e coa memoria da emigración galega, o Concello de Arzúa realizou a semana pasada unha visita institucional a Niedereschach, localidade situada no corazón da Selva Negra alemá, coa que mantén un irmandamento activo desde o ano 2002.
Daniel Moscoso, concelleiro de Xuventude e Mocidade, foi o encargado de representar ao Concello durante a visita, na que estivo acompañado pola Rondalla Moraima e por membros da Asociación de Amigos de Niedereschach. Ao longo da estadía mantiveron encontros coa corporación local alemá e con representantes galegos da zona.
O primeiro grande movemento migratorio de veciños e veciñas de Arzúa cara a Niedereschach produciuse na década dos 60, cando moitas persoas decidiron emprender camiño cara Alemaña na procura dun futuro mellor. A hospitalidade da comunidade alemá e a capacidade de integración e traballo das galegas e galegos fixeron posible unha convivencia exemplar que, con este irmandamento, se converteu nun símbolo de fraternidade entre pobos.
“Houbo unha xeración que tivo que marchar porque na Galiza non había traballo. Fíxoo coa pena de deixar todo atrás, pero tamén coa forza de quen aspira a construír unha vida mellor. Temos a reputación de ser un pobo traballador e resiliente, algo que me trasladou o alcalde de Niedereschach. Como concelleiro de Xuventude e Mocidade, só espero que, na actualidade, se a xuventude arzuá decide emigrar, o faga por elección e non por necesidade, como lles pasou aos nosos devanceiros.” — Daniel Moscoso, concelleiro de Xuventude e Mocidade.
A visita serviu tamén para abrir novas vías de colaboración en ámbitos como a cultura, o turismo e a promoción económica. Neste sentido, o Concello aproveitou para dar a coñecer fóra das nosas fronteiras o Queixo de Arzúa-Ulloa, produto emblemático e sinal de identidade do municipio, como exemplo do potencial gastronómico e económico da comarca.
“O noso queixo é un símbolo do que somos: un concello con raíces, que traballa por conservar a súa cultura, que o fai sempre antepoñendo a calidade e que atesoura a súa tradición con orgullo. Levalo a fóra é dicir: isto é Arzúa, isto é Galiza. Queremos que en Alemaña e no resto de Europa se saiba que Arzúa ten un produto de prestixio. Viaxes como esta axúdannos a abrir portas, conectar culturas e facer do noso concello un referente tamén máis alá das nosas fronteiras. Nese senso, estamos moi satisfeitos coa visita, pois serviu para estreitar relacións comerciais e culturais entre ambas localidades. Abrir Arzúa ao mundo” — concluíu Daniel Moscoso.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)