Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 junio, 2026
O Concello foi un dos nove beneficiarios do programa provincial de axudas para a recuperación da memoria democrática
Arzúa, 3 de xuño de 2026. Arzúa acolleu esta semana a presentación da resolución provisional do programa FO208/2026, unha liña de axudas da Deputación da Coruña destinada a apoiar proxectos municipais de recuperación da memoria democrática.
O Concello de Arzúa foi un dos nove beneficiarios desta convocatoria, cunha achega de 9.300 euros para desenvolver un proxecto de investigación, difusión e recoñecemento ás mulleres arzuás que loitaron contra o fascismo ou sufriron a represión durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.
A presentación contou coa participación do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; a deputada provincial de Dereitos Civís, Sol Agra Tuñas; e o concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso.
Xoán Xesús Carril destacou que este proxecto “permite poñer sobre a mesa o papel das mulleres represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura, moitas veces silenciadas pola propia historia”.
O alcalde sinalou que “cando falamos de represión franquista, ás veces pensamos só nos actos máis brutais cometidos contra quen encabezaba movementos políticos, sociais ou sindicais, pero tamén existiu unha represión específica contra as mulleres: mulleres perseguidas por seren familiares de persoas represaliadas, por apoiar a resistencia, por participar na vida social e política ou, simplemente, por non encaixar no papel que a ditadura lles quería impor”.
Carril subliñou que “moitas desas mulleres sufriron esa violencia nun tempo no que nin sequera contaban con dereitos civís básicos que hoxe serían inimaxinábeis. Recuperar a súa memoria é tamén facer xustiza con todas aquelas que foron borradas dos relatos oficiais”.
O proxecto de Arzúa forma parte da liña provincial de apoio a proxectos municipais de memoria democrática, que nesta convocatoria beneficiará a nove concellos da provincia.
Durante a presentación, a deputada Sol Agra destacou a importancia de impulsar iniciativas que contribúan ao recoñecemento das vítimas do franquismo, á eliminación da simboloxía de exaltación da ditadura e á divulgación da memoria democrática.
Con este proxecto, o Concello de Arzúa quere recuperar e poñer en valor o papel e a memoria das mulleres que sufriron a represión franquista e de todas aquelas que, malia as dificultades da época, contribuíron á defensa da liberdade e da democracia.
Porque tamén elas loitaron, se opuxeron ao fascismo, sufriron a violencia da ditadura e merecen ser recoñecidas.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)